Site icon Crónica3.com A Mariña

Espazo Ecosocialista esixe a revitalización do rural galego a través da agroecoloxía

Día Mundial da Alimentación: A agroecoloxía e a soberanía alimentar dos pobos son un dos alicerces da sustentabilidade

Espazo Ecosocialista esixe a revitalización do rural galego a través da agroecoloxía

O sobordamento do pico do petróleo, os efectos do cambio climático, un sistema agroindustrial destrutivo e a cada vez maior dificultade no acceso a produtos alimentares de calidade obrigan a unha reformulación radical do sistema alimentario mundial, e xa que logo, do galego.

O modelo industrial de produción agrícola e gandeira depende do consumo de inxentes cantidades de enerxías fósiles tanto para os fitosanitarios e para as técnicas de cultivo como para o funcionamento dun mercado global orientado ao beneficio das transnacionais alimentarias, non a atender as necesidades alimentarias da poboación.

Tamén o emprego de transxénicos, apropiación de patentes baseadas en saberes tradicionais, agresivas políticas comerciais que destrúen o tecido produtivo propio de cada pobo para transformalo nunha peza máis da engrenaxe de beneficios destas empresas, son elementos que afianzan o carácter aniquilador deste sistema

A concentración do control desta distribución e produción nun número moi reducido de transnacionais xunto coas políticas de liberalización implantadas pola OMC teñen convertido un ben básico e un dereito universal como é a alimentación nun produto máis dentro da demencial política financeira de casino, cerne da crise. Os incrementos artificiais de prezos en produtos básicos como o gran xeran pingues beneficios para as empresas ao cambio da desnutrición de milleiros de millóns de persoas que ven pechado o acceso aos alimentos básicos da súa tradición alimentaria.

Galicia tamén padece estas políticas. Asistimos impertérritos a unha redución progresiva da nosa capacidade de producirmos alimentos, facéndonos proporcionalmente máis dependentes de insumos externos subministrados por unha cadea de transporte baseada na enerxía fósil. A política Agraria Común da UE ten tido moito que ver tamén neste proceso

Do ano 2000 ao 2009 (última actualización do censo agrario) desapareceron en Galicia o 70,5 % das explotacións agrícolas e e abandoáronse 1.129.823 has de terras, 59.000 hectáreas de labrado e o resto de monte. En porcentaxes, as terras de labor reducíronse un 23%. O progresivo desmantelamento do mundo rural pola dobre vía do dumping de prezos que se pagan ao produtor ou produtora e eliminación de servizos que permiten fixar poboación e dotala dunha calidade de vida digna está a anular a nosa capacidade de resilencia, é dicir, a capacidade de facer fronte as adversidades, aos cambios.

Para Espazo Ecosocialista faise imprescindíbel comezar a transición cara o novo escenario que sen dúbida crearán o encarecemento das enerxías fósiles e o cambio climático. E unha das pezas fundamentais desta resiliencia é a capacidade de producirmos alimentos para o noso consumo. É dicir, a soberanía alimentaria definida como o dereito dos pobos a alimentos nutritivos e culturalmente apropiados, acesíbeis, producidos de forma sustentábel e ecolóxica, e o seu dereito a decidir o seu propio sistema alimentar e produtivo.

Segundo os ecosocialistas galegos é a ferramenta básica desta transformación é a agroecoloxía: unha agricultura sustentada no coñecemento local, na complexidade dos ecosistemas, rica en biodiversidade, cunha dependencia mínima dos insumos de petróleo. Unha agricultura, gandeiría e pesca con modelos ecolóxicos de produción, diversificando a paisaxe e afastándose dos monocultivos intensivos.

Este modelo tamén implica unha mudanza na distribución, Cumpre apostar por redes locais descentralizadas, con prezos xustos para a produción e consumo, que apoien a produción local ofrecéndose como alternativa viábel ao modelo agroindustrial.

En definitiva, unha reformulación radical do concepto de alimentación e consumo, que sustentado no local permita globalizar o dereito a alimentos suficientes, culturalmente axeitados, producidos de xeito sustentábel e en beneficio do conxunto da humanidade.

Exit mobile version