Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentaron o libro “Historia do teatro afeccionada na Mariña lucense” en San Cibrao

PRESENTADO O LIBRO “HISTORIA DO TEATRO AFECCIONADO NA MARIÑA LUCENSE”

Antonio Veiga explicou que “a edición deste traballo enmárcase no programa teatral Buxiganga, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, co que se pretende fomentar a integración social, así como potenciar a nosa cultura e o uso da nosa lingua”

San Cibrao, 2 de outubro de 2012. O Museo Provincial do Mar, en San Cibrao, acolleu, na tarde de hoxe, a presentación do libro Historia do teatro afeccionado na Mariña Lucense, escrito polo dramaturgo e director teatral mariñán Francisco Piñeiro González, e editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo.

O vicepresidente da institución provincial e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, explicou que “se por algo se caracteriza a comarca da Mariña é por ter unha grande afección polo teatro, polo que dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo agradecemos o traballo feito por Francisco Piñeiro; un traballo que serve para dignificar o bo facer cultural dos actores e actrices, así como das compañías teatrais da comarca”.

“Este libro – continuou Veiga- enmárcase no programa Buxiganga, un proxecto que promovemos desde a área de Cultura da Deputación e que ten como obxectivo potenciar o teatro en todas as súas vertentes como un elemento de transmisión cultural, ademais de fomentar o emprego do galego e cumprir unha importante función de cohesión e integración social. A publicación deste libro é un exemplo máis da nosa aposta pola inversión cultural”.

Este traballo editorial, con prólogo do actor Manuel Lourenzo, fai un percorrido histórico a través das diferentes manifestacións teatrais que existiron nos concellos e parroquias da Mariña, amosando a cronoloxía dos mesmos, dende o 1835 ata a actualidade. Ao mesmo tempo, o percorrido tamén é polos nomes e rostros deses diferentes facedores culturais, actores e actrices mariñáns, que ao longo de tantos anos encheron todos os puntos da nosa xeografía da arte

Exit mobile version