Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz: 106 anos de electricidade

FOZ : 106 ANOS DE ELECTRICIDADE

A electricidade non é un invento, senón un descubrimento. Quérese dicir que é un fenómeno natural, fonte de enerxía que sempre existiu. O home aprendeu a coñecela e a aproveitala, creou máquinas para producila e utilizala ó seu antollo, e inventou, e continúa inventando, moitos outros aparellos que funcionan grazas ós efectos eléctricos, dende a bombilla ás computadoras. Todo isto levouse á práctica nos últimos douscentos anos, a pesares de que as primeiras sospeitas sobre a presencia dunha enerxía invisible remóntase a hai 2500 anos, ó tempo dos gregos. O termo Electricidade, ven do grego electrón.

Pero a historia que hoxe coñecemos comezou en 1800, cando Volta inventou a pila eléctrica. Cen anos mais tarde empregábase en oficinas, lugares públicos e vivendas; pero as primeiras lámparas, as de mediados do século XIX, tiñan unha vida moi curta. Cando Swan en Inglaterra e Edison en EE.UU. encararon o problema, xa contaban con bombillas moi perfeccionadas e as primeiras compañías eléctricas naceron para subministrar corrente para o alumeado. A Foz chegaría este uns trinta anos despois do invento de Edison. Así, na acta do pleno do concello, do día 4 de agosto de 1906 dise: “A Corporación Municipal informa ó señor Enxeñeiro Xefe de Obras Públicas de Lugo que este concello ve con gusto que don José Reimunde transporte do seu salto da Cazolga a enerxía necesaria para o alumeado público e doutras industrias”.

O 21 de abril de 1907, lese: “ O alcalde accidental, don Ramón Doce, da lectura a instancia presentada por Ramón López Castiñeira, arrendatario da forza motriz para dotar de enerxía eléctrica á nosa vila, e acórdase conceder a autorización que se solicita para tender a rede que sexa precisa dentro do pobo, para subministrar luz eléctrica ó vecindario”. Tardaría un ano en lucir o tan esperado alumeado, pois o semanario “Mondoñedo”, do 8-5-08, en escueta nota, comunica: “Hai dous días que se inaugurou nesta vila–Foz–con grande éxito, o alumeado eléctrico, producido pola fábrica do señor Reimunde”. Hai, pois, 106 anos que a vila disfruta do servizo….

Suso Fernández

Exit mobile version