Site icon Crónica3.com A Mariña

Galiza Nova chama ao estudantado da Mariña á folga para “parar os ataques do PP ao ensino público”

Galiza Nova chama ao estudantado da comarca da Mariña a participar da Folga estudantil do vindeiro 17 de outubro para “parar os ataques do PP ao ensino público.”

Na comarca da Mariña están convocadas dúas concentracións:

-Burela: ás 12 no IES Monte Castelo

-Ribadeo: ás 12 no IES Ribadeo

Baixo o lema “Paremos o PP. O ensino é un dereito e non un privilexio” Galiza Nova desenvolveu durante as pasadas semanas na comarca da Mariña unha intensa campaña para espallar a Folga Estudantil do vindeiro 17 de outubro. En palabras da Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi “esta non é só una mobilización contra os recortes do PP no ensino galego senón que tamén nos mobilizamos contra a reforma educativa prevista polo goberno Rajoy”, que calificou de “aberración pedagóxica”. Para Aboi, “este anteproxecto de lei pretende volver ao modelo educativo franquista, un retroceso de 50 anos co obxectivo de volver a un ensino máis clasista e máis españolizado.”

Segundo informan desde as mocidades nacionalistas, na comarca da Mariña realizáronse repartos do material e xuntanzas informativas cos estudantes dos centros da Mariña. Senim Gonçalves, Responsábel Comarcal de Galiza Nova na Mariña, indicou que “a campaña tivo unha extraordinaria acollida entre o estudantado e recabou o apoio de outros sectores da comunidade educativa, como o profesorado ou as nais e pais, afectados tamén por estas políticas de recortes.” Así mesmo, Senim Gonçalves informou da convocatoria de dúas concentracións para a propia xornada de folga. Unha delas será en Burela no IES Monte Castelo ás 12 horas e a outra en Ribadeo diante do IES Ribadadeo, tamén ás 12 horas.

Desde Galiza Nova fan un chamamento á mocidade da Mariña a apoiar a Folga Estudantil do 17 de outubro e a acudir á concentración/manifestación para amosar o seu rexeitamento maioritario a unhas políticas educativas que segundo palabras da Secretaria Xeral da organización “degradan ao máximo o ensino galego e eliminan a igualdade de oportunidades pola elitización da educación pública.” Así mesmo, desde as mocidades nacionalistas, anuncian que de non rectificarse estas medidas continuarán as mobilizacións para parar o ataque do PP ao ensino público.

Exit mobile version