Site icon Crónica3.com A Mariña

Machismo ruín

MACHISMO RUÍN

Un cargo ministerial afirma que as leis son como as mulleres porque están para violalas. Un ex concelleiro colga un vídeo no seu blog que incita a matar as mulleres. Un tribunal non ve acoso sexual dun farmacéutico a dúas dependentas ás que bicaba e tocaba en contra da súa vontade (da vontade delas, non do boticario, enténdese).

Estas tres noticias acaecidas hai poucos días poden facer crer que un vive en Afganistán, en Paquistán ou en Arabia Saudita, onde o desprezo ás mulleres é total. Pero non, son noticias producidas nun país occidental, democrático e do primeiro mundo como España, aínda que hai quen dubide diso.

Estamos cansados (fartos máis ben) de ler noticias deste tipo, aínda que habitualmente referidas a países orientais, totalitarios e ditatoriais onde non se respecta apenas a vida humana, e menos aínda a feminina, á que encadran na parte máis baixa da táboa de estatísticas. Para eles as mulleres son uns números, case sempre molestos, que non teñen ningún dereito.

Con todo, non criamos que esa onda integrista e reaccionaria fose tan común no noso arredor . Equivocabámonos. O ex concelleiro que incitaba a matar mulleres desde a súa blog é de Baleares. O tribunal que non ve acoso sexual do farmacéutico que bicaba e daba palmadas no cu ás súas subordinadas é de Madrid. E o cargo da Administración do Estado ao que lle parece igual de normal que se violen as leis que ás mulleres, ás que cousifica dobremente, é galego e pertencía (xa cesou, afortunadamente) ao Ministerio de Emprego, curiosamente presidido por unha muller.

Non sei se nos estamos volvendo tolos ou é que levamos o ADN machista no sangue, pero ningunha destas tres noticias son xustificables, nin tan sequera en Teherán.

O tribunal de Madrid non aprecia acoso sexual no boticario, senón sentimental, o que non sei que é peor. En primeira instancia o home foi condenado a tres meses e dous días de prisión e a indemnizalas con algo máis de 11.200 euros. Pero a Audiencia Provincial de Madrid desestimou a condena e absolveu ao farmacéutico ao entender que non houbo acoso senón, en todo caso, abusos. O delito é máis grave, pero como non estaba acusado por iso non se lle puido condenar.

Despois queixámonos de que descerebrados maten as súas compañeiras con a única xustificación de: “La mate porque era mía”, cando simplemente o que fan e mirar para arriba e tomar exemplo de políticos, concelleiros, farmacéuticos e xuíces…..

Quen fai a lei fai a trampa. Acúsase con frecuencia aos políticos de vivir fóra da realidade, pero hai xuíces aos que tamén hai que dar para comer con toga aparte.

Otero Regal

Exit mobile version