O agarimo da Mariña a escena
Foron momentos emotivos, deses que consiguen anagar as palabras agás aquelas que se nos soben ós ollos en forma de bágoas para expresar na nosa mirada o sentir profundo da alma, aquilo que todos entenden sen dicir absolutamente nada e que se traduce nunhas sinceiras grazas, moitas grazas pola vosa compaña, polo voso afecto e gratitude.
Grazas e parabéns para todos porque esta Historia do Teatro afeccionado da Mariña Lucense en realidade non é un libro meu, é o froito do esforzo, da unión e da colaboración de toda a comarca en especial do público, porque este libro é do pobo, das xentes sinxelas dos dezaséis concellos da Mariña que cada vez en maior número asisten ás representacións teatrais porque as estiman, as agradecen e as necesitan e así, coa súa participación, conseguiuse que esta comarca sirva de exemplo e referente a nivel provincial e incluso autonómico.
Por ser do pobo debe voltar ó pobo e así dende a Área de Cultura da Deputación Provincial comprometéronse a enviar por correo postal, en datas próximas, un exemplar deste libro a cada biblioteca pública ou escolar, outro a cada grupo de teatro ou asociación cultural e por suposto a cada un dos colaboradores que fixeron posible esta nosa Historia do teatro afeccionado.
Supoñemos que quedan moitos tesouros acubillados e de seguro haberá quen corrixa datos ou datas e ó rectificalos, sentirémonos felices e satisfeitos porque esta primeira pedra que hoxe presentamos serviría de alicerce onde outros poideran colocar as demais pedras necesarias para honrar como se merece ó teatro galego en xeral e en particular ó teatro con denominación de orixe: feito na Mariña Lucense.
Co sentimento dun pai que disfruta vendo camiñar ó seu fillo ata as mans dun pobo agradecido despídome deste libro e de todos vós como amigos nun momento emotivo que me anagou as palabras agás algunha que se me subeu ós ollos en forma de bágoas mentres contemplaba o que sentiades no fondo da alma, ou así o entendín nos vosos abondosos aplausos e así o gardo nos meus adentros e síntome contento de tervos entregado o meu libro, o meu fillo, o noso fillo a quen recibistedes con estas fermosas palabras.
Xa que eres noso fillo, teatro,
regálanos outra velada
agarimosa e xeitosiña
porque nos levas no sangue
dentro das túas entrañas.
E a onde queira que vaias
dirás , sen que ninguén cho pida,
Eu son fillo do teatro,
do teatro feito na Mariña.!
Moitas grazas!
Francisco Piñeiro González