FERNANDO SUÁREZ AGARDA APROBAR PROVISIONALMENTE O PXOM CANTO ANTES, AÍNDA QUE NON SE MARCA PRAZOS. O ALCALDE RECOÑECE O TRABALLO QUE ESTÁN A FACER OS GRUPOS DA CORPORACIÓN MUNICIPAL “TODOS A UNHA”.
Ribadeo, 5 de outubro de 2012. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agarda aprobar provisionalmente o PXOM canto antes, aínda que non se marca prazos. Onte a xunta de voceiros e a empresa redactora estiveron a analizar as 540 alegacións presentadas durante a segunda exposición pública do documento.
O rexedor sinalou que “antes do verán fíxose unha segunda exposición pública que recibiu unhas 540 alegacións, número importante, pero son a metade das presentadas hai catro anos. A pesares de todo hai que resolvelas e estudialas unha por unha. Iso foi no que durante todo este verán estivo a traballar a empresa redactora, Eptisa, na proposta de estimar ou desestimar as alegacións. E foron as que estivemos vendo na longa xornada de onte, pola mañá e pola tarde, todos os representantes dos grupos da Corporación, con moi boa sintonía e con ganas, entre todos, de poder aprobar provisionalmente o plan canto antes”.
Suárez Barcia dixo que “non nos marcamos datas, porque si se incumpren sería caer en erros, pero sí que estamos nuns niveis de redacción e de elaboración do documento inéditos en Ribadeo. Sabemos que agora o seguinte paso é a resolución das alegacións e despois virá a aprobación provisional polo pleno”.
O alcalde ribadense subliñou que “estamos traballando todos a unha e iste é o mérito que lle quero recoñecer ao resto dos grupos da Corporación Municipal porque a pesares de que esteamos en campaña electoral, a pesares de que discrepemos en mil e unha cousa, parece que todos temos sentidiño para seguir traballando conxuntamente e entre todos sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal canto antes”.