Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG amosa o compromiso co sector agroforestal da Mariña

ERMIDA AMOSA O COMPROMISO DO BNG CO SECTOR AGROFORESTAL DA MARIÑA

“Debemos situar o sector agroforestal como eixo estratéxico e clave na recuperación económica”

Os nacionalistas comprométense a pór en marcha políticas especiais para fortalecer o sector do móbel e da faba

“O 21-O Galiza debe elixir entre seguir apoiando unha política agrícola e forestal deseñada para os grandes produtores ou apostar por medidas pensadas para a nosa xente do rural “

Lourenzá, 7 de outubro de 2012. A candidata número 3 do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento galego por Lugo, xunto co responsable comarcal da formación na Mariña e vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e o portavoz nacionalista no concello, César Docampo, participou, hoxe, na Festa da Faba, onde expresou o seu compromiso co sector agroforestal.

Segundo a candidata do BNG, “Lourenzá está a ser un dos concellos da comarca máis afectados pola crise e polas políticas dun Goberno nada comprometido coa Mariña, como evidencian os datos do paro que, desde 2009, incrementouse un 39 por cento; aumento relacionado directamente co expediente de regulación de emprego de móbeis Ermida e co abandono por parte da Xunta dun sector estratéxico para a comarca como é o do móbel”.

Neste senso, Ana Ermida tivo un especial recordo con todos os traballadores e traballadoras de móbeis Ermida que foron despedidos neste último ano e amosou o seu total rexeitamento cara a decisión xudicial, coñecida nos últimos días, de aprobar o expediente de regulación de emprego presentado pola empresa.

“A esta situación é preciso engadir –continuou a candidata nacionalista- a crise derivada da dependencia do sector da faba no que, a pesar de que nos últimos anos se incrementou a superficie cultivábel, prodúxose unha considerábel caída dos prezos non só pola tendencia do mercado senón tamén pola falla de actuación do Goberno do presidente en funcións e candidato á reelección polo Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo. Esta situación agrávase ao ter en conta que o sector da faba funciona como un complemento a outras actividades forestais como o eucalipto, determinado por un monopolio que os populares non son capaces de rachar”.

Diante do que no BNG consideran “nula actuación e a complicidade do Partido Popular” cos grandes produtores, os nacionalistas comprométense a apostar polo medio rural e o sector primario. “O obxectivo que guiará a acción dun goberno do BNG será considerar o sector agroforestal como estratéxico e clave na recuperación económica e para iso é preciso traballar criterios de eficiencia e de sustentabilidade que o Partido Popular xa demostrou que descoñece”.

Ermida rematou a súa intervención pedindo o voto para o Bloque Nacionalista Galego porque “o 21-O Galiza debe elixir entre seguir apoiando unha política agrícola e forestal na que só gañan os grandes produtores ou por unha política pensada para fortalecer o noso medio rural e as súas xentes”.

Exit mobile version