Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG amosa o seu rexeitamento á ofensiva ideolóxica dos populares contra as mulleres

ERMIDA DEFINE AO PARTIDO POPULAR COMO UNHA MÁQUINA DE FACER PARADOS

Os nacionalistas amosan o seu rexeitamento á ofensiva ideolóxica dos populares contra as mulleres

O desemprego feminino incrementouse na comarca dende 2009 en máis dun 20 por cento

O BNG comprométese a impulsar un plan de emprego feminino postuniversitario para procurar empregos acaídos á titulación das mulleres con maior nivel formativo da historia do país

Xove, 12 de outubro de 2012. Durante o mitin celebrado esta tarde en Xove, a candidata número 3 do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento de Galiza pola provincia de Lugo, Ana Ermida, acusou ao partido de Núñez Feijóo de “ser unha máquina de facer parados” e insistiu en que “isto non o dí o BNG senón que o din os datos publicados polo Servizo Público de Emprego Estatal”. Desde agosto de 2009 até agosto deste ano, o desemprego incrementouse na comarca un 37 por cento, pero o fixo dun xeito virulento entre as mulleres, colectivo no que no o aumento superou o 20 por cento.

“As declaracións feitas polo popular Castelao Bragaña contra as mulleres – explicou a candidata nacionalista- unidas a que vimos de rematar unha lexislatura na que o Partido Popular cuestionou os nosos dereitos desmantelando toda a estrutura administrativa dirixida a dar corpo ás políticas a prol da igualdade, amosan o nulo respeto de Núñez Feijóo polas mulleres ás que, unha e outra vez, a súa formación intenta relegar ao cumprimento do rol que tiñan atribuído tradicionalmente, na casa e ao coidado dos fillos”.

Desde o Bloque Nacionalista Galego denuncian a “ofensiva ideolóxica” do Partido Popular ao que acusan de rexeitar calquera proposta encamiñada a favor da corresponsabilidade, da mellora á atención ás vítimas de violencia de xénero ou ao fomento do traballo en igualdade.

Para Ermida o papel das mulleres galegas “é determinante para saír da crise” e por iso dende o BNG comprométense a retomar as políticas de igualdade, a fomentar a contratación e a inserción laboral deste colectivo mediante políticas deseñadas especificamente. “É necesario realizar un plan de emprego feminino pensado para lograr a inserción laboral das mulleres desempregadas, especialmente ás comprendidas entre os 25 e 44 anos, franxa de idade na que, na provincia de Lugo, o paro sufriu un aumento do 28 por cento”.

“O 21 de outubro as galegas e os galegos –continuou a candidata nacionalista- poden elixir evitar que as consecuencias da reforma laboral do Partido Popular sigan cebándose coas mulleres. A modificación do permiso de latancia, a eliminación das bonificacións ás empresas para a incorporación das mulleres que disfrutaran dunha excedencia ou a desnaturalización dos contratos a tempo parcial, están a dificultar a conciliación entre a vida laboral e a vida familiar”.

Ana Ermida rematou a súa intervención lembrando que “Galiza está a desperdiciar o valor de varias xeracións que son as mellores preparadas da historia da país”. Nese senso, anunciou que o BNG traballará para deseñar e aplicar un programa de fomento do empreego postuniversitario, a fin de procurar empregos acaídos á titulación das mulleres con maior nivel formativo.

Exit mobile version