Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG chama a manifestarse nas urnas contra o peor presidente da historia de Galiza

ERMIDA CHAMA AOS MARIÑÁNS A MANIFESTARSE NAS URNAS CONTRA O PEOR PRESIDENTE DA HISTORIA DE GALIZA

“Votar ao Partido Popular é lexitimar as políticas de recorte que fixeron retroceder 10 anos a este país”

A candidata nacionalista anima aos galegos e galegas a que o 21-O dean un paso cara adiante votando BNG

“Feijóo e Rajoy non poden presentarse como garantes dos intereses de Galiza e da Mariña porque pola súa falla de actuación segue en xogo o futuro de Alcoa”

Os nacionalistas comprométense a enmendar os recortes en sanidade, educación e servizos sociais impulsados polos populares

A Mariña, 5 de outubro de 2012. A candidata número 3 do Bloque Nacionalista Galego por Lugo, Ana Ermida, chama aos mariñáns a manifestarse nas urnas o vindeiro 21-O contra o peor goberno e o peor presidente da historia do país.

“O Executivo de Feijóo –insiste Ermida- foi o Goberno do paro, dos recortes sociais, da perda de dereitos e da submisión a un Rajoy contrario aos intereses de Galiza, aos intereses do seu propio pobo. O Goberno do Partido Popular fixo retroceder a este país 10 anos, sumíndoo no atraso económico e social. Nin Feijóo nin Rajoy, nin ningún dos representantes do Partido Popular poden presentarse como garantes dos intereses dos galegos e das galegos porque ningún defende a esta terra como se merece e a mellor proba diso é que, na nosa comarca, seguen no ar máis de 2.000 empregos ante a falla de solucións para a tarifa eléctrica de Alcoa. O presidente do Goberno central, despois de meses de conflito e de reiteradas visitas a Galiza, aínda non se pronunciou sobre un dos problemas que determinará o futuro da Mariña”.

Para a candidata nacionalista “votar Partido Popular é lexitimar políticas de recorte. Por moito que o neguen, tamén negaron a suba do IVE o abaratamento do despido, os recortes á dependencia e logo aprobaron estas e outras medidas asfixiantes para os cidadáns, todos somos conscientes de que o seguinte ao que pasarán as tesoiras son as pensión. Feijóo adiantou as eleccións para que non lle afecten as novas políticas de recorte nas que xa traballa o Goberno de Rajoy”.

Desde o BNG aseguran que o 21-O Galiza ten a oportunidade de dar un paso cara adiante votando ao Bloque Nacionalista Galego. “Os mariñáns temos que suspender a Feijóo nas urnas polos seus ataques á Mariña. É suficiente con recordar as veces que prometeu a ampliación do hospital da Costa e como sen embargo se están a pasar consultas en casetas de obra, se desmantela o complexo hospitalario e como se deixa sen urxencias a municipios cun alto índice de poboación como é o caso de Foz; esta é a sanidade que o Partido Popular quere para Galiza, unha sanidade de segunda categoría”.

Ana Ermida comprométese a reescribir a política emprendida polos populares e a enmendar punto por punto os recortes en sanidade, educación e servizos sociais.

Exit mobile version