Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña pide o cese do xerente do Hospital da Costa por non ser capaz de xestionar a administración do tratamentos e mentir

O BNG DA MARIÑA PIDE O CESE DO XERENTE DO HOSPITAL DA COSTA

Ana Ermida acusa a Insua de non ser capaz de xestionar a administración do tratamentos con BCG e de mentir sobre o seu uso

‘A cordura política amósase garantindo unha sanidade pública de calidade e non permitindo que se pase consulta en catro casetas de obra’

Burela, 11 de outubro de 2012. A candidata nacionalista ao Parlamento galego, Ana Ermida, pide o cese do xerente do Hospital da Costa, José Insua, tras as declaracións realizadas ao respecto da suspensión do tratamento con BCG para os enfermos de cancro de vexiga o cal asegura que se emprega como ‘un complemento, de xeito similar a unha lavativa’.

Ermida tacha de ‘temerarias e irrespetuosas’ estas declaracións en canto o citado tratamento é considerado polos especialistas médicos como quimioterapia local curativa complementaria á cirurxía para asegurar a desaparición das células malignas, directamente como tratamento de tumores persistentes á cirurxía ou como tratamento preventivo para evitar recidivas do cancro.

‘En calquera dos casos – insiste a candidata nacionalista – unha vez máis queda en evidencia a incompetencia dos xestores sanitarios do Partido Popular que por unha parte non foron capaces de prever o desabastecemento do tratamento con BCG, xa advertido a principios do mes de xullo pola Axencia Española do Medicamento e, por outra, menten sobre o emprego dese mesmo tratamento.’

Neste senso, Ermida urxe a Insua que actualice os seus coñecementos médicos e pide á conselleira de Sanidade que tome medidas neste asunto porque ‘os pacientes do Hospital da Costa non poden padecer as consecuencias das eivas e a falla de profesionalidade do xestore do centro hospitalario.’

Dende O BNG recordan a Insua que ‘a cordura política móstrase ofrecendo unha sanidade pública de calidade e non pasando consulta en catro casetas de obra. A cordura política amósase aprobando o plan director do hospital e iniciando as obras de ampliación do mesmo, promesa repetida unha e outra vez dende 2009 polo presidente en funcións Alberto Núñez Feijóo pero que non foi capaz de cumprir.’

Exit mobile version