Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Alfoz-Valadouro presentou o novo número do seu boletín local A Furna

O BNG de Alfoz-Valadouro presentou publicamente o novo número do seu boletín local A Furna no mítin do pasado día 5 en Alfoz.
Trátase dunha cabeceira histórica xurdida no ano 1997, através deste medio a Asemblea Local do BNG fixo chegar dende sempre as súas mensaxes á poboación dos dous concellos do val . O nome A Furna fai referencia á fonte onde nace o río Ouro, no Cadramón.
A Furna afronta unha nova etapa, xa que até agora fora confeccionado de xeito doméstico e reproducido en fotocopias, en branco e negro. Arestora faise en imprenta e a toda cor, en papel reciclado. Nestes días estase facendo chegar á veciñanza toda, tanto en formato físico como en dixital.
Nas súas páxinas pode lerse un resumo das iniciativas e actuacións sobre o río Ouro desenvolvidas polo BNG local, sobre a actividade municipal, información sobre os recortes sanitarios, e dúas entrevistas, unha a Cosme Pombo (candidato nº 1 por Lugo) e outra a Francisco Jorquera (candidato á presidencia da Xunta).
Pode pedirse neste enderezo electrónico alfozvaladouro_bng@hotmail.com, pode descargarse no Facebook facebook.com/pages/BNG-de-Alfoz-e-o-Valadouro/ e tamén se fará un espallamento masivo na Feira do Mel en Ferreira o día 13.

Engádese no arquivo un exemplar da publicación A Furna e máis unha foto do mítin de Alfoz (aparecen Lionel Rexes, Ana Ermida e Xavier Campos) onde foi presentado este novo número.

Exit mobile version