Site icon Crónica3.com A Mariña

o BNG de Cervo criticou o gasto do grupo de goberno de Cervo ao tempo que soben as taxas

O BNG CRITICOU O GASTO DO GRUPO DE GOBERNO DE CERVO AO TEMPO QUE SOBEN AS TAXAS SEN DISCRIMINAR AQUELAS QUE TEÑEN MAIS INCIDENCIA SOCIAL.

OS NACIONALISTAS NON APOIARON TRASLADAR AS COMPETENCIAS DE TRÁFICO Á GARDA CIVIL E CRITICARON A PROGRESIVA ELIMINACIÓN DA POLICÍA MUNICIPAL

Cervo, 31 de outubro de 2012. Na sesión plenaria extraordinaria celebrada onte pola corporación de Cervo o grupo de goberno do PP negouse a aceptar unha emenda do BNG para conxelar aquelas taxas que teñen maior incidencia social e aquelas que gravan ao pequeno comercio e hostalería. O BNG presentaba emendas para conxelar as taxas que dentro da proposta da alcaldía tiñan maior contido social(OF. 18 sobre os servizos da piscina de Lieiro, OF.35 das Escolas Deportivas) ou aquelas que gravan ao pequeno comercio e hostalería(OF. 17 pola instalación de mesas na vía pública), un total de cinco Ordenanzas Fiscais que ao entender do BNG deberían quedar conxeladas para evitar a exclusión de determinados servizos daquela xente que está sufrindo con maior crueza a crise económica.

O PP NON APOIOU AS EMENDAS DO BNG PARA A CONXELACIÓN DAS TAXAS QUE GRAVAN SERVIZOS SOCIAIS E AO PEQUENO COMERCIO E HOSTALERÍA

Os nacionalistas criticaron que o goberno local mantivera conxeladas as taxas en época de bonanza económica e agora cando mais golpeada está a sociedade polas situacións de desemprego e inestabilidade laboral aplican subidas consecutivas, no ano 2011 un 4,8% e agora un 4,3%, sen discriminar aquelas taxas que teñen maior contido social como puideran ser as ordenanzas do Servizo de Axuda a Domicilio, a do Punto de Atención Infantil, a da piscina de Lieiro ou as Escolas Deportivas. O BNG puxo sobre a mesa tamén a necesidade de conxelar aquelas que gravan ao pequeno comercio e hostalaría, fortemente golpeado pola crise.

Na mesma liña, comparou a presión fiscal sobre a cidadanía exercida polo PP con medidas como a suba do IVE, o incremento das retencións do IRPF ou o IBI coa ausencia de recortes nos gastos do grupo de goberno que mantén seis dos seus sete membros cobrando das arcas municipais e multiplicando por dous os cobros por asistencia a Xuntas de Goberno. Igualmente pediu a eliminación do gabinete de prensa por ser un gasto prescindíbel e lembrou os 48.000 euros de gasto previsto no orzamento para propaganda e protocolo que estaban mellor investidos en gasto social.

PREVISÍBEL PERDA DO SERVIZO DE POLICIA LOCAL CO TRASLADO DE COMPETENCIAS DE TRÁFICO Á GARDA CIVIL.

Os nacionalistas votaron en contra do traslado das competencias de tráfico en zona urbana á garda civil ao entender que isto xa é o último golpe para acabar co servizo da policía local despois de moitos anos de existencia no concello. Para o BNG este feito deberá anotarse no debe do PP dende a súa chegada ao goberno local ao igual que a constante baixada de poboación e a perda de categoría como concello ao baixar de 5.000 habitantes, neste sentido lembraron que a perda da policía local dificilmente será recuperábel ao baixar en poboación dos mínimos esixíbeis para contar con este servizo. Na mesma liña, trasladaron ao goberno local a súa crítica pola ausencia de xestión para manter o servizo, Cervo conta hoxe cunha policía local e un auxiliar por xubilacións e traslados, algún deles por certo por fartura da presión exercida polo goberno local para facer traballos impropios do seu cargo.

Exit mobile version