Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz acusa ao goberno do PP de irresponsabilidade na xestión das contas do Concello

O BNG DE FOZ ACUSA AO GOBERNO LOCAL DO PP DE IRRESPONSABLE AO INCUMPRIR DE FORMA ABUSIVA OS PRAZOS NO PAGO A PROVEDORES

“ O Concello de Foz, co goberno do PP, ten pendente de pagar e fóra de prazo a cantidade de 2.345.867 euros”

Foz, a 24 de outubro de 2012.- O BNG de Foz acusa ao goberno do PP de irresponsabilidade na xestión das contas do Concello. Dito goberno municipal está incumprindo sistematicamente a lei sobre cumprimento de prazos nos pagos a provedores e a lei de medidas de loita contra a morosidade na administración pública.

Do informe dos servizos de Intervención do Concello do terceiro trimestre sobre cumprimento de prazos Lei 15/2010, de 5 de xullo, podemos extraer varios datos concluíntes e reflexo da situación crítica das arcas municipais:

1º A media de tempo excedido no prazo do pago de facturas pendentes no terceiro trimestre é de 447 días, e dicir, máis dun ano. O maior desfase está no apartado de outros pagos pendentes por operacións comerciais. No pago de materiais e suministros, que é onde máis facturas hai, a media de retraso é de 212,28 días, é dicir, máis de 7 meses.

2º O número de facturas pendentes de pago que están dentro do período legal neste trimestre son só 328 que ascenden á cantidade de 505.488,27 euros pero o número de facturas pendentes de pago e fóra do período legal son 1.638 que corresponden a unha débeda de 2.345.867,57 euros.

A maior parte das facturas son de materiais e suministros cunha cantidade DE 1.564.156 euros e de reparación, mantemento e conservación cunha cantidade de 440.138 euros.

As facturas pagadas dentro do prazo neste trimestre foron de 39.794,38 euros e fóra de prazo de 282.147,75 euros.

3º A isto hai que sumar que existen 236 facturas ou documentos xustificativos a final do trimestre con máis de tres meses da súa anotación en rexistro e que non se tramitaron os correspondentes expedientes de recoñecemento da obriga de pagarlles por parte do Concello. A cantidade non recoñecida destas facturas ascende a 279.434,82 euros. Isto danos unha idea da apatía e o desdén deste alcalde e grupo de goberno á hora de cumprir coas obrigas de pago.

Desde o BNG opinamos que o PP con esta nefasta xestión económica está poñendo en perigo a autonomía financeira do Concello de Foz. Por un lado, porque ao estar incumprindo a lei en canto á demora no prazo previsto o Concello terá que abonar aos contratistas e provedores os intereses de mora así como as indemnizacións polos custos de cobro. Por outro lado, porque se esta situación non se soluciona antes de fin de ano o Concello de Foz podería ser intervido pola Xunta ou polo Estado, en base á lexislación existente aprobado no seu día tanto polo PSOE como polo PP.

Exit mobile version