Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove pregunta polo destino da paga extra dos empregados municipais e pola tarifa de axuda no fogar

O Bloque preguntará no pleno de Xove polo destino da paga extra dos empregados municipais e mais pola tarifa do Servizo de Axuda no Fogar

Marco López, concelleiro-portavoz do grupo municipal do BNG, manifestou a súa preocupación pola entrada en vigor do Real Decreto-Lei 20/2012 do 13 de xullo. Unha norma que contén, entre moitas outras medidas, a minoración retributiva e de dereitos laborais para as empregadas e os empregados públicos. O grupo nacionalista na corporación de Xove entende que esta nova perda de poder adquisitivo terá un efecto directo sobre o consumo no concello e no tecido económico local, pois elimina o poder de compra dos traballadores públicos nunhas datas tan sinaladas coma o Nadal.

Por esta razón, desde o grupo do BNG presentáronse varias preguntas por escrito que deberán ser contestadas polo goberno local no vindeiro pleno ordinario que se celebrará o día 8 de outubro. O executivo deberá facer pública tanto a cantidade que se lle retira ao conxunto dos empregados municipais como aos catro cargos políticos liberados do goberno municipal e, asemade, terán que informar sobre o destino das sumas de diñeiro detraídas destes salarios.

As tarifas do Servizo de Axuda no Fogar

O portavoz municipal nacionalista tamén realizará unha pregunta formal sobre a tarificación do Servizo de Axuda no Fogar. Marco López lembrou que o pasado mes de xuño os edís do PP na corporación de Xove aprobaron en solitario a modificación do regulamento desta prestación asistencial, o que implicou un considerable incremento do seu custo.

Así e todo, o BNG tivo coñecemento da elevación dos prezos públicos até o punto de que chega a saír máis económico contratar o servizo directamente coa empresa adxudicataria que a través do propio concello. A información facilitada aos nacionalistas amosa que o importe total por hora de servizo é de 14,52 euros a través do departamento municipal de Servizos Sociais, pero se o contrato se realiza directamente coa empresa a hora sae a 9,70 euros.

Marco López preguntará pola causa desta diferenza ilóxica, xa que as administracións públicas subvencionan parte deste servizo e, polo tanto, a consecuencia última debería ser o abaratamento do prezo final que pagan as persoas usuarias.

Exit mobile version