Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demanda unha tarifa enerxética preferencial para Alcoa que evite que a destrución de emprego

O BNG demanda unha tarifa enerxética preferencial para Alcoa que evite que a destrución de emprego

“É precisa unha solución urxente para Alcoa, a maior consumidora eléctrica de Galiza, que pasa por ter unha tarifa preferencial e por contratos de traballo de longa duración que lle dean estabilidade”

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2012.- A portavoz do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón, destacou na Deputación Permanente que a actual situación de Alcoa “é consecuencia da falta de políticas industriais da Xunta e da súa incapacidade para defender os intereses de Galiza”. Ademais, demandou que se arbitre “unha solución para evitar a destrución de miles de postos de traballo en Alcoa que non sexa unha nova burla ao noso País e ao conxunto de persoas traballadoras”.

O Goberno central do PP adoptou decisións en materia de política tarifaria que claramente van en contra do mantemento desta empresa, sen que a Xunta fixera nada, indicou Ana Pontón. E desde logo, engadiu, o que non é entendíbel é como Galiza sendo a segunda produtora de enerxía eléctrica e excedentaria, non se beneficia da especialización dispoñíbel noutros lugares.

“É precisa unha solución urxente para Alcoa, a maior consumidora eléctrica de Galiza, que pasa por ter unha tarifa preferencial, como sucede noutros países, mais tamén por contratos de traballo de longa duración, que lle dean estabilidade ás factorías da Mariña e da Coruña”, expresou Ana Pontón.

Así, sinalou que esta empresa é a “columna vertebral” da economía dunha comarca como A Mariña e importante para a Coruña, que nos últimos está vendo como pechan empresas relevantes e se destrúe emprego nun ritmo que é certamente desalentador.

“Estamos falando duns 1.800 postos de traballo directos na Mariña e 400 na Coruña, esta última nun ERE, e ao 50% da súa produción, e dunha empresa que representa entre o 20 e 25% do consumo enerxético de Galiza”, explicou.

Ademais, a portavoz parlamentar nacionalista definiu a situación actual de Alcoa como “o fracaso dun timo á sociedade que supuxeron as privatizacións de empresas públicas que se levaron adiante no Estado e á falta de política industrial da Xunta de Galiza e a súa incapacidade para defender os intereses do noso País”.

Exit mobile version