Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia que os indicadores económicos confirman a pésima xestión do PP na Xunta

O BNG DENUNCIA QUE TODOS OS INDICADORES ECONÓMICOS CONFIRMAN A PÉSIMA XESTIÓN DO PP AO FRONTE DA XUNTA

Ermida asegura que Rajoy e Feijóo son dous presidentes febles que so pensan en buscar réditos electorais e beneficiar ás grandes fortunas

Máis do 12 por cento dos fogares lucenses atópanse en perigo de pobreza e exlusión social

Os nacionalistas consideran que seguen sen despexarse as dúbidas sobre a posible deslocalización de Alcoa

San Cibrao, 16 de outubro de 2012. A candidata do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento de Galiza pola provincia de Lugo, Ana Ermida, mantivo un encontro con representantes do Comité de Empresa de Alcoa na Mariña centrado na incertidume que segue existindo ao redor da continuidade da actividade da factoría na comarca e no declive da actividade económica do país.

Para Ermida, número tres da candidatura nacionalista, “Alcoa é o mellor exemplo do deterioro da actividade industrial como consecuencia de dous gobernos, o da Xunta e o do Estado, que carecen dunha política industrial efectiva e que esperan a situacións límites para buscar solucións aos problemas das principais empresas do país. Estamos gobernados por dous presidentes febles aos que todo lles vale para sacar rédito electoral e beneficiar ás grandes fortunas. A pesar de ser coñecedores do problema de Alcoa dende hai meses e de ser conscientes de que o seu feche sería unha traxedia económica e social para Galiza, esperaron á campaña das eleccións galegas para anunciar solucións a un problema como o da tarifa eléctrica que afecta a máis de 2.000 traballadores e traballadoras”.

“En Galiza –continuou a candidata- non hai nin un so indicador económico positivo e todos contribúen a confirmar a pésima xestión do presidente en funcións e candidato a reelección, Alberto Núñez Feijóo, ao fronte do Goberno galego. En pouco menos de catro anos destruíronse 31.500 empregos no sector industrial, máis de 11.000 no agrícola, preto de 35.000 na construción e máis de 36.000 no sector servizos, ao que hai que engadir, 13.500 autónomos menos e 2.000 afiliacións menos no réxime especial do mar”.

Dende o BNG insisten nas consecuencias reais destes indicadores. “Todas as medidas adoptadas polo Partido Popular para tentar superar a crise están a repercutir directamente e de xeito negativo nos traballadores e traballadoras que, ademais, de postos de traballo perderon dereitos laborais, capacidade adquisitiva e seguridade. As políticas populares están profundizando na fenda social até límites que parecían impensables e xa, na provincia de Lugo, máis do 12 por cento dos fogares están en risco de pobreza ou exclusión social”.

Con respecto ao futuro de Alcoa, Ermida denunciou a falla de garantías de que a alumieira permaneza na comarca da Mariña. “Polo de agora o anuncio dunha nova tarifa eléctrica competitiva non despexa as dúbidas sobre a deslocalización. Tanto Feijóo como Rajoy saben que a multinacional traballa, desde hai tempo, cun plan de redución de custes e deslocalización dalgunhas das súas factorías entre as que se atopa a de Alcoa. Veremos cal é a súa estratexia para evitalo”.

Os nacionalistas insisten en que “Galiza debe ser xestionada con responsabilidade, con lealdade e con criterios propios”, e por iso chaman aos galegos e ás galegas a que o vindeiro domingo elixan a unha forza propia de Galiza para representalos e manifesten a súa oposición ás políticas do Partido Popular nas urnas.

Exit mobile version