Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG di en Ribadeo que o PP deixa o país case en ruínas e endebedado

JORQURA ACUSA A RAJOY DE VIR A GALIZA A INSULTAR A INTELIXENCIA DOS GALEGOS POIS A HERDANZA QUE DEIXA FEIJÓO É A DUN PAÍS CASE EN RUÍNAS E ENDEBEDADO

O candidato nacionalista salienta que existe unha ampla maioría social que demanda un cambio de goberno, por iso anima a concentrar o voto no BNG

Ribadeo, 6 Outubro 2012.- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, lamentou esta tarde noite nun mitin en Ribadeo que nin Feijóo nin Rajoy se comprometeran a actualizar as pensións, “o que demostra que Feijóo asumiu que logo do 21-O Rajoy vai recortalas e agora cala como un peto”.

Jorquera criticou que Rajoy veña a Galiza a dicir que con Feijóo Galiza capeou mellor a crise e preguntouse a quen llo di, “ás 113.000 persoas que engrosaron as listas do paro; aos 60.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar; aos máis de 3.000 gandeiros que pecharon as súas explotacións ou aos máis de 5.000 pequenos empresarios que liquidaron os seus negocios?”.

Para o candidato nacionalista, Rajoy insulta a intelixencia dos galegos e galegas e non coñece en absoluto este País, “a única Galiza que coñece é a da praza de touros de Pontevedra mentres fuma un puro porque a herdanza que realmente deixa Feijóo é a dun País case en ruínas”.

Jorquera pediu o voto para o BNG porque neste escenario Galiza precisa un cambio radical, necesita iniciar un novo tempo político que mude o modelo de Feijóo, que só defende os intereses dos poderosos, por un modelo que priorice as políticas para a xente, para a defensa da súa sanidade, do seu ensino, do emprego e do seu benestar.

Autonomía fiscal

O candidato do BNG considera que para que este cambio sexa posíbel e para poder facer frente aos recortes é fundamental que Galiza teña autonomía fiscal, que poida recadar máis recursos “e frear a espiral de endebedamento á que nos abocou Feijóo”.

Jorquera animou a participar masivamente nestas eleccións porque xa existe unha clara maioría social a favor de abrir unha nova etapa política en Galiza e así o demostra, por exemplo, o estudo do CIS, que di que o 49 por cento dos galegos está a favor dun cambio de goberno frente ao 31 por cento que é partidario da continuidade de Feijóo.

“O BNG é hoxe unha forza en ascenso que sintoniza con esa maioría social –dixo-. O BNG dá voz en campaña a esa maioría social e cada día que pasa resulta máis evidente que o PP ten as eleccións perdidas se concentramos os votos nacionalistas e de esquerdas no BNG. En bloque podemos”.

Cosme Pombo

O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento Galego pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, chamou ao PP “Partido do Paro” e afirmou que os datos de desemprego demostran que as políticas de recortes do Partido Popular “non levan a ningún sitio”.

Cosme Pombo calificou de “mentirán” a Feijóo por ter prometido en 2009 acabar co paro en 45 días e deixar a Galiza tres anos despois con 110.000 parados máis. O cabeza de lista do Bloque por Lugo explicou que cando Feijóo chegou á Xunta había 162.000 persoas en situación de desemprego, cando hoxe son xa máis de 275.000. Na provincia de Lugo, dixo, a día de hoxe máis de 25.000 persoas están sen traballo, cando hai tres anos eran 17.000.

Exit mobile version