ERMIDA PIDE O VOTO PARA O BNG PARA QUE GALIZA TEÑA UN GOBERNO QUE NON SEXA CÓMPLICE DAS PATRONAIS E DAS GRANDES FORTUNAS
A candidata nacionalista insiste en un goberno do BNG é garantía de apoio aos traballadores autónomos e ás pequenas e medianas empresas
“É preciso cambiar as regras de xogo da administración galega para garantir unha relación xusta e equilibrada entre os traballadores e as patronais”
Ermida centrou a súa intervención “na oportunidade que o 21-O brinda a todos os galegos e galegas para elixir ser gobernados e gobernadas por dirixentes que non sexan cómplices das patronais e do desemprego. Este país precisa un cambio político, merece un goberno que non aprobe todos os expedientes de regulación de emprego que recibe e que, en moitos casos, son consecuencia da falla de actuación do propio executivo pola súa nula perspectiva e pola inexistencia de plans específicos para sectores que deberán ser clave para garantir o futuro de Galiza”.
“A actual situación amosa tamén –continuou a candidata nacionalista- a necesidade dun goberno responsábel que defina relacións xustas e equilibradas entre os traballadores e as traballadoras e as patronais. Levamos case catro anos dirixidos polo Partido Popular, catro anos nos que claramente a Xunta se posicionou ao carón das patronais en lugar de actuar como salvagarda dos intereses dos máis débiles que, neste caso, son o traballadores e traballadoras”.
Dende o BNG apostan por unas novas regras de xogo para que a administración galega free os ataques do Executivo de Rajoy en contra dos autónomos e das PEMES. “Durante a lexislatura que vén de rematar, o Partido Popular preferiu apoiar, a través do IGAPE, proxectos nada viábeis e abocados ao fracaso, ao tempo que rexeitou proxectos de PEMES e autónomos viábeis que non puideron ser implementados por falla de liquidez”.
Ermida rematou a súa intervención pedindo o voto para o BNG a todos os veciños e veciñas de San Cibrao para “lograr a oportunidade de xestionar os recursos, a riqueza e a calidade de Galiza en función dos intereses dos galegos e galegas e non das grandes empresas. Co BNG no goberno da Xunta poderanse desenvolver todas as capacidades produtivas do país a través do apoio aos autónomos e as pequenas e medianas empresas galegas”.