O BNG PÓN A A PONTENOVA COMO EXEMPLO DAS CONSECUENCIAS DA REFORMA LABORAL DO PARTIDO POPULAR
Xavier Campos critica aos populares por aprobar unha reforma laboral que protexe aos empresarios e abandona aos traballadores
Dende a chegada de Feijóo á Xunta de Galiza o paro incrementouse na Pontenova un 38%
O BNG preséntase como alternativa á ineficacia do Partido Popular para crear postos de traballo e comprométese a incentivar a contratación e os novos xacementos de emprego
“Hai só uns días coñecíamos que unha das empresas máis importantes da Pontenova, Investigación e Proxectos de Vehículos Especiais – IPV, presentou un Ere temporal de seis meses para os 27 empregados da factoría. En pouco tempo esta empresa pasou de ter preto de 100 empregados a non chegar a 30 e cun futuro incerto no que pode ser liquidada ou mercada por outro grupo empresarial’” –explicou o candidato nacionalista.
“Grazas á reforma laboral do Partido Popular – insistiu Campos- é máis sinxelo ca nunca presentar expedientes de regulación de emprego e despedir aos traballadores. É unha reforma pensada para o beneficio dos empresarios que pagan máis barato o despido e que por calquer motivo poden presentar un Ere. Unha vez máis queda demostrado que as políticas dos populares benefician aos empresarios e non aos traballadores”.
Para o candidato nacionalista “tanto no Goberno de Rajoy como no Goberno de Feijóo, non se aprobou unha soa medida para crear emprego. Pero tampouco se pode esperar o contrario con conselleiras de Traballo como Beatriz Mato que declaran que as políticas activas de emprego non crean nin un só posto de traballo. O bo é que con estas declaracións temos unha proba máis de que o Partido Popular non ten nin idea de como fomentar o emprego e por iso na Pontenova, dende a chegada de Feijóo á Xunta, o paro incrementouse un 38%”.
Dende o BNG entenden que ‘o 21-O os galegos e galegas deben elixir entre votar a uns dirixentes que perderon catro anos e que levaron a centos de mozos e mozas a emigrar para poder traballar, ou votar a un partido como o BNG que aposta polo deseño dunha estratexia global de fomento do emprego con estímulos á contratación e ao desenvolvemento de novos xacementos de emprego, así como por impulsar un marco galego de relacións laborais, a negociación colectiva e os servizos públicos de emprego”.