Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela Pescados Rubén enlaza a súa terceira vitoria consecutiva ao imporse ao Diamante Rioxa por 1-0

Terceira vitoria consecutiva e acceso ao liderado

O Burela Pescados Rubén enlaza a súa terceira vitoria consecutiva ao imporse ao Diamante Rioxa por 1-0. Con este resultado, o conxunto dirixido por Javier Pardeiro sitúase no grupo que encabeza a clasificación da Primeira División. Orvina, Alcorcón e Atlético de Madrid comparten co equipo mariñán o liderado.
A escuadra burelense superou a un Diamante Rioxa que demostrou que o seu bo inicio ligueiro non é casualidade. As rioxanas mostráronse como un equipo sólido, competitivo e perigoso en ataque, aínda que o seu potencial ofensivo foi minimizado pola presión e o rigor defensivo local. Desde o asubío inicial a intensidade foi máxima en ambos os contendentes, sendo o equilibrio a tónica nun primeiro período con escasas ocasións. Ao descanso chegouse co empate inicial. No segundo asalto, o Burela saíu con determinación para derrubar o ferrollo rioxano que saltou polo aire co gol de Peque. A xogadora burelense aproveitou un rexeite de Lala, tras disparo de Maite, para situar o 1-0 no marcador, minuto 26. A raíz do gol, o Burela dispuxo de varias oportunidades para aumentar a súa renda pero Lala logrou manter ao seu equipo no partido. Nunha emocionante recta final, o Diamante Rioxa optou polo xogo de cinco, minuto 37, que o Burela neutralizou con suficiencia e ata puido aumentar a súa renda nun par de ocasións de Maite. Non se moveu o marcador. O Burela Pescados Rubén sumou tres importantes puntos, superando a un bo rival e sobrepóndose á ausencia por lesión da súa goleadora Dany.

Ficha técnica

Burela Pescados Rubén: Jozi, Lucía, Dolo, Lidia, Peque –cinco inicial- Maite, Haydee e Lara.

Diamante Rioxa: Lala, Carmen, Bea Martín, Eva, Shio –cinco inicial- Bea Ascacíbar, Garu e Cristina.

Goles: 1-0, min.26, Peque.

Árbitros: Bello Castro e Ruano Melón. Colexio Galego.

Incidencias: Gardouse un minuto de silencio en memoria de Bárbara Blanco, xogadora do Diamante Rioja, falecida tras unha longa enfermidade. 500 espectadores en Vista Alegre.

Exit mobile version