Lugo, 12 de outubro de 2012. O cabeza de lista de CxG pola provincia de Lugo, Iván Marrube, estivo esta mañá no mercado en Burela xunto a outros compañeiros da candidatura achegándolle á veciñanza as propostas do seu programa electoral e coñecendo de preto as inquedanzas dos veciños e veciñas da vila. Un dos asuntos aos que aludiu Marrube esta mañá en Burela foi ao compromiso de resolver inmediatamente o pago dos expedentes paralizados da lei de dependencia, “é algo urxente, as familias, os coidadores non poden agardar tanto tempo pola súa resolución”.
Iván Marrube desprazaráse esta tarde á zona sur da provincia. Entre as 17:30 e as 18:00 horas ten previsto visitar varias bodegas e viñedos. O candidato de CxG en Lugo sinalou que “o sector vitivinícola xoga un papel moi importante no tecido produtivo da provincia de Lugo, pero aínda está pouco explotado. Pensamos que quedan moitas cousas por facer”. E engadiu que “ten un grande potencial exportador cara Estados Unidos ou China. Abríndose e chegando a novos mercados poderíase garantir un gran crecemento económico e estabilidade a este sector, que é un referente en Galicia. Para mellorar necesítase o apoio e unha aposta decidida das administracións públicas”.
Marrube pechará a xornada en Monforte de Lemos. Para as 21 horas está previsto o mitín de CxG na Casa da Cultura. Xunto a Iván Marrube estarán Ramón López e Olga Otero.