Site icon Crónica3.com A Mariña

O candidato de Compromiso por Galicia reuniuse con empresarios de Ribadeo

IVÁN MARRUBE REUNÍUSE ESTA TARDE EN RIBADEO CON REPRESENTANTES DO EMPRESARIADO PARA AMOSARLLES AS LIÑAS PROGRAMÁTICAS DE COMPROMISO POR GALICIA.

Ribadeo, 3 de outubro de 2012. O cabeza de lista en Lugo de Compromiso por Galicia, Iván Marrube, mantivo esta tarde en Ribadeo un encontro con representantes da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos. Á xuntanza acudiu tamén Farruco Graña, ribadense e membro desta candidatura.

Marrube dixo que “o acto que acabamos de manter co empresariado de Ribadeo encádrase dentro da serie de encontros que estamos a ter con todos os colectivos representativos da provincia de Lugo para amosarlles as nosas liñas programáticas, para escoitar as súas inquedanzas e para aportarlles as nosas solucións, aquelo que lles podemos ofrecer para que melloren as súas condicións, cada un no seu ámbito”.

O cabeza de lista por Lugo de Compromiso por Galicia engadiu que “tamén lles amosamos a vontade que temos de facer políticas diferenciadoras con respecto ao que hai na actualidade. Nós somos unha formación política non ao uso, cun compromiso claro coma o asinado o martes en Lugo ante notario”. E lembrou que “nós dimitiremos ao día seguinte si somos imputados xudicialmente, só estaremos nos cargos oito anos, ímonos someter cada dous anos a un referéndum público dos cidadáns para que poidan decidir si seguimos ou non seguimos e unha serie de compromisos que amosan clara e inequívocamente a nosa vontade de facer unha política distinta e realmente comprometida coa cidadanía”.

Compromiso por Galicia continuará con estes encontros “porque o noso lema é ser a voz da sociedade e encádrase perfectamente nos puntos fortes do noso programa que son a educación, o benestar, a saúde, os servizos sociais e o tecido produtivo, a inversión real en sistema produtivos que xeneran riqueza”.

Exit mobile version