Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Barreiros instalará dous paneis fotovoltaicos en edificios públicos

O CONCELLO ACABA DE RECIBIR UNHA SUBVENCIÓN DE 96.000 EUROS PARA A INSTALACIÓN DE DOUS PANEIS DE ENERXÍA FOTOVOLTAICA. FUENTE PARGA ASEGURA QUE ASÍ SE PODERÁN REDUCIR OS CUSTES DE ELECTRICIDADE.

Barreiros, 19 de outubro de 2012. O Concello acaba de recibir unha subvención de 96.000 euros para a instalación de paneis de enerxía fotovoltaica no CEIP de San Cosme e no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro. O alcalde, Alfonso Fuente, amósase satisfeito e asegura que así se poderán reducir os custes de electricidade.

O rexedor explicou que “nas últimas horas recibíamos con satisfacción a concesión dunha subvención para a colocación de dous paneis de enerxía fotovoltaica, un no CEIP de San Cosme e outro no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro”. E subliñou que “esa instalación suporá o aforro de custes en electricidade, algo moi importante para nós”.

O presuposto total do proxecto é de 110.000 euros “e recibimos esa subvención da Xunta por importe de 96.000 euros. O resto, que son 14.000 euros, será aportada polo Concello. Vemos que a administración autonómica aposta polas enerxías renovables e polos Concellos, neste caso polo de Barreiros que poderá abaratar custes deste xeito”.

Escolas de San Miguel

Hoxe deron comezo as obras de remodelación das antigas escolas de San Miguel de Reinante, “nas que se investirán 300.000 euros para acondicionalas e poñelas en valor co obxectivo de que as poidan seguir empregando a asociación de veciños e tamén Arco da Vella, que son os que principalmente utilizan ese edificio”. Fuente Parga lembrou que “é un edificio antigo que estaba moi deteriorado. Cando conclúan as obras, que contamos que estean listas cara mediados do ano que ven, a instalación collerá un valor importante”.

O alcalde de Barreiros dixo que “coa reconstrucción destas antigas escolas de San Miguel quedan prácticamente todas as parroquias do concello con locais para que poidan disfrutar deles as asociacións de veciños e agrupacións, e así acoller cursos, obras de teatro, exposicións, etc. É unha boa nova para Barreiros”.

Exit mobile version