Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Barreiros organiza un “día interxeracional” no campo da festa de Vilamar

O CAMPO DA FESTA DE VILAMAR ACOLLERÁ O VINDEIRO SÁBADO, 6 DE OUTUBRO, O I DÍA INTERXERACIONAL QUE ORGANIZA O CONCELLO. TRÁTASE DUNHA XORNADA DE CONFRATERNIDADE ENTRE FAMILIAS E VECIÑOS NA QUE HABERÁ ARTES, OFICIOS, XOGOS, MÚSICA E BAILE.

Barreiros, 1 de outubro de 2012. O vindeiro sábado, 6 de outubro, celébrase en Barreiros o I Día Interxeracional que organiza a Concellería de Servizos Sociais a través da Rede de Voluntariado Local.

Desde o Concello explican que “con motivo do día das persoas maiores que se celebra hoxe, 1 de outubro, os veciños poderán compartir o vindeiro sábado unha xornada para todas as idades, desde os máis grandes ata os máis pequenos da casa”. A cita desenvolveráse entre as 11 da mañá e as seis da tarde no campo da festa de Vilamar. Alí haberá de 11 a 13:30 horas artes, oficios e xogos tradicionais. De 13:30 a 15:30 horas comida campestre, “os veciños traerán a súa cesta e o seu mantel e participarán nun día de confraternidade entre xeracións e familias”, din desde o Concello. De 15:30 a 17:00 horas están programados xogos e novas tecnoloxías para todas as idades e de cinco a seis da tarde música e baile folcklórico. Todos os actos serán baixo unha carpa.

O I Día Interxeracional está organizado pola Rede de Voluntariado Local do Concello de Barreiros. A cita conta coa colaboración das asociacións veciñais San Pastor e O Cazcallal, a asociación benéfico cultural Santiago de Reinante, o colectivo cultural Ollamao, asociación de sendeirismo Camiñantes e Camiños, asociación Vea (Vontade, entrega, acción), asociación de mulleres rurais Tea de Araña, Afammer Barreiros, asociación de mulleres rurais de Vilamar, asociación de amas de casa Beiramar, Coral Polifónica de Barreiros, Escolas Deportivas de Barreiros, peña barcelonista San Miguel, O Arco da Vella, Celta Barreiros CF, Iberia CF, motoclube Xaraiba e as Anpas dos CEIP San Cosme e San Miguel.

Exit mobile version