Burela, 17 de outubro de 2012. Concello de Burela e Ecovidrio promoven a reciclaxe de vidro no sector hostaleiro da vila. Na primeira fase da campaña presentada esta mañá participan 25 locais. A concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, dixo que o obxectivo é facilitar a recollida e a reciclaxe do vidro nos establecementos hostaleiros da localidade e concienciar un pouco máis á cidadanía. En Burela recicláronse no 2011 un total de 135.000 quilos de vidro, o que supón unha media de 14 quilos por persoa.
Na presentación da campaña que tivo lugar esta mañá no Concello a edil popular dixo que “hoxe presentamos en Burela o novo sistema de recollida de envases de vidro para os locais de hostalería e tamén hoxe xa comezaron a colocarse os dez colectores novos de vidro, que teñen una boca máis ancha e un sistema de elevación hidráulica para facilitar o vaciado do cubos cos que contan os establecementos hostaleiros participantes. E tamén se empezaron a repartir entre os hostaleiros incluídos nesta campaña 25 cubos de grande capacidade con rodas e que están adaptados para facilitar a reciclaxe do vidro”.
López Eijo lembrou que “esta campaña iniciouse xa hai un par de meses cunha primeira fase, a partir da cal se fixo un traballo de campo no que se realizaron unhas enquisas que levou a cabo a técnica de medio ambiente do Concello aproximadamente a 30 establecementos de hostalería. O obxectivo era informar da iniciativa e detectar as necesidades dos hostaleiros para facilitarlles o reciclado dos envases de vidro”.
A concelleira de Medio Ambiente subliñou que “a campaña foi acollida con éxito no sector e benefícianse dela nesta primeira fase uns 25 locais de hostalería”. O equipo de goberno agarda que “esta campaña serva para seguir mellorando a reciclaxe de vidro en Burela, onde, segundo os últimos datos, no 2011 reciclamos uns 135.000 quilos de vidro, o que supón que cada veciño reciclou de media 14 quilos”.
No acto desenvolvido esta mañá participaron ademáis de Patricia López Eijo, o alcalde de Burela, José Mª González Barcia, o xerente de zona de Ecovidrio, Germán Fernández, e o responsable de Ascan, a empresa concesionaria do servizo de recollida de vidro en Burela, Pablo Rouco.