Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela realizará unha auditoría enerxética

O CONCELLO REALIZARÁ UNHA AUDITORÍA ENERXÉTICA PARA COÑECER AS MEDIDAS A ADOPTAR ENCAMIÑADAS A MANTER O AFORRO ECONÓMICO DO ÚLTIMO ANO, PERO SEN APAGAR NINGÚN PUNTO DE LUZ. JOSÉ CASAS AGARDA QUE ESE TRABALLO ESTEA REMATADO A PRINCIPIOS DE 2013.

Burela, 9 de outubro de 2012. O Concello realizará unha auditoría enerxética ao longo dos vindeiros meses para coñecer as medidas a adoptar encamiñadas a manter o aforro económico do último ano, pero sen apagar ningún punto de luz. O concelleiro de Economía, José Casas, agarda que “ese traballo estea rematado a principios de 2013”.

O edil popular lembrou que “o ano pasado detectamos que a factura que pagábamos polo alumeado público era moi importante e considerable, de aí que decidísemos levar adiante o apagado parcial de dito alumeado. Somos conscientes de que a medida inicialmente creou un certo rexeitamento entre os veciños e as veciñas de Burela. Agora pensamos que a xente entende que hai que tomar medidas, pero nós tamén somos conscientes de que esta situación non se pode prolongar nin tan siquera a medio prazo. A xente quere ter os servizos en condicións e nós advertimos ao principio que era unha medida transitoria e que polo tanto non vai durar para sempre”.

Casas dixo que “un ano despois de poñer en marcha esta medida notamos que se produciu un aforro importante na factura do alumeado público. A cifra sitúase entre os 40 e os 50.000 euros nun ano”.

O concelleiro de Economía e Industria sinalou que “o Concello vai contratar unha auditoría enerxética. Démoslle moitas voltas a esto, falóuse con moitas empresas de servizos, e temos xa preparada a documentación para facer un contrato menor tendente a que ese informe nos indique os puntos débiles e fortes do sistema de alumeado público de Burela. En principio a auditoría faríase nas 120 rúas que hai inventariadas no Concello e que contan con alumeado público e entre 15 e 20 camiños, considerados como camiños, pero que tamén contan con algún punto de alumeado e por suposto nas prazas e parques”.

José Casas explicou que “o que queremos facer é coñecer os puntos débiles e fortes do noso alumeado para ver qué medidas hai que adoptar de cara a manter o mesmo aforro enerxético e económico que temos agora, pero sin apagar ningún punto de luz. Trátase de aforrarlle ás arcas municipais esa cantidade de cartos, pero sen mermas no servizo”. O concelleiro popular agarda que “todo isto non lle coste nin un só euro ao Concello. Estamos a traballar para que iso sexa así”.

Sobre os prazos para a realización desta auditoría enerxética o concelleiro popular entende que “si se concreta este mes, o informe correspondente podería estar listo a principios de ano, entre finais de xaneiro e mediados de febreiro. Esa auditoría diranos as medidas que debemos adoptar para provocar ese aforro enerxético e económico, si hai que cambiar algún tipo de lámpara, si hai que poñer algún tipo de reductor de potencia… queremos que nos digan os pasos que temos que dar”.

José Casas engadiu que “recuperar o servizo do alumeado público ao cen por cen non poderá ser mentras non saibamos as medidas que nos recomenda levar adiante esta auditoría enerxética”.

Exit mobile version