Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Lourenzá solicita á Deputación o valado da CP-2805 ao seu paso polo encoro de Santa María Maior

O CONCELLO SOLICITA O VALADO DA ESTRADA PROVINCIAL QUE PASA POLAS PROXIMIDADES DO ENCORO DE SANTA MARÍA MAIOR POLA SÚA PERIGOSIDADE. ADEMAIS HOXE REMATA A REPARACIÓN DO VIAL COÑECIDO COMO “CAMIÑO A” E A ALCALDESA RECLAMA O PAGO DO ARRANXO Á DEPUTACIÓN.

Lourenzá, 11 de outubro de 2012. O Concello de Lourenzá enviou un escrito á Deputación de Lugo para solicitar o valado da estrada provincial CP-2805 ao seu paso polo encoro de Santa María Maior para evitar a perigosidade para a circulación neste punto, segundo explicou esta mañá a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.

A rexedora comentou que “unha vez rematadas as obras de dragado do encoro de Santa María Maior, no Concello de Lourenzá, concretamente na parroquia de Santo Tomé, onde a Xunta de Galicia investiu un millón de euros, cremos que a Deputación de Lugo debe valar a estrada da súa propiedade CP-2805 á altura deste encoro á maior brevidade posible debido ao perigo que supón para a circulación”. O Concello xa enviou esta solicitude por escrito ao organismo provincial.

Por outra banda, o Concello remata hoxe as obras de arranxo da estrada coñecida como Camiño A, “vial sobre o que levamos varios meses disputando a súa titularidade coa Deputación de Lugo”, anunciou Emma Álvarez, quen explicou tamén que a reparación “consistiu na construción duha lousa de formigón armado en toda a anchura da calzada nunha lonxitude aproximada de 8 metros sobre a cal se aplicou unha capa de rodadura de asfalto similar á existente”.

E a alcaldesa comentou ademais que “como non podía ser doutro xeito e tendo en conta que esta estrada, a CP-2801, coñecida como Camiño A, cremos que é titularidade da Deputación de Lugo, comunicámosllo ao delegado da área de Xestión Territorial, o señor Martínez, para que teña constancia do arranxo e en días sucesivos procederemos a reclamar o pago desta obra á Deputación”.

Exit mobile version