PARDEIRO: ‘O DO SOTO DEL REAL SERÁ TAMÉN UN PARTIDO MOI FÍSICO’
Xogadoras e corpo técnico escoitaron a bucina final o sábado pasado, ante as rioxanas, con gran xúbilo. “É do partido do que estou máis orgulloso, aínda máis que do 0-6 na pista do Ponte Ourense” declarou Pardeiro, que agradeceu as súas pupilas o sobreesforzo ao que estiveron sometidas: “As rapazas dérono todo sobre a pista; o rival esixiunos moito e a escaseza de rotacións obrigounos a xogar moitos minutos” aseverou o técnico.
“Esta semana adaptaremos os adestramentos ás condicións das xogadoras para chegar na mellor forma á próxima xornada. Lucía, Maite e Haydee finalizaron o encontro con sobrecargas e Dany descansará ata finais de semana, por molestias nun xeonllo“ explicou Pardeiro, asegurando, non obstante, que “o Burela FS estará a punto o sábado para unha nova guerra física, fronte a un conxunto moi reforzado que ata o momento non tivo un calendario doado”.