Site icon Crónica3.com A Mariña

O estudantado da Mariña sae á rúa en defensa do ensino público, afirma Galiza Nova

O estudantado da Mariña sae a rúa en defensa do ensino público

Baixo o lema “Paremos o PP. O ensino é un dereito e non un privilexio” Galiza Nova chamou a secundar unha Xornada de Folga no ensino público galego e reuniu a centos de estudantes nas dúas concentracións que tiña convocadas na Mariña, unha en Burela no IES Monte Castelo e outra en Ribadeo no IES Ribadeo.

O estudantado da Mariña secundou de forma total a Xornada de Folga no ensino convocada por Galiza Nova neste mércores día 17 de outubro. Esta folga non facía fincapé só nos recortes do PP no ensino galego senón que tamén denunciabamos a reforma educativa prevista polo goberno Rajoy. Este anteproxecto de lei pretende volver ao modelo educativo franquista, un retroceso de 50 anos co obxectivo de volver a un ensino máis clasista e máis españolizado.

Alén do total seguimento da folga, as dúas concentracións convocadas por Galiza Nova na Mariña tiveron un amplísimo seguimento. En Burela o estudantado concentrouse ás portas do IES Monte Castelo para acto seguido rodearen, en manifestación, o centro de ensino. En Ribadeo os mozos e mozas desafiaron a chuvia para se concentraren na rotonda situada en fronte do IES Ribadeo para, posteriormente, saíren en manifestación polas rúas da vila.

Deste xeito, desde Galiza Nova, e en nome de todo o estudantado que saiu ás rúas da Mariña nesta xornada, reiteramos que o estudantado galego rexeita os sucesivos recortes no ensino público galego, tanto por parte da Xunta como por parte do Goberno Central. Así mesmo, rexeitamos á contrarreforma educativa do PP, impulsada polo goberno Rajoy e aprobada xa no Consello de Ministros, porque supón a imposición dun modelo educativo sectáreo e clasista. Por todo isto pedimos a súa retirada e anunciamos que no caso de que isto non aconteza continuaremos as mobilizacións ata que se rectifiquen estas políticas. As mozas e mozos galegos cremos que é necesario defendermos os nosos dereitos e non permitir que destrúan o noso futuro os mesmos que están condenando ao paro e a miseria a amplas capas da sociedade galega.

Exit mobile version