Site icon Crónica3.com A Mariña

O gardameta do Burela FS Pescados Rubén, Eduardo Saavedra, será intervido por unha lesión de menisco

EDU PASARÁ POLO QUIRÓFANO O VINDEIRO LUNS

O gardameta do Burela FS Pescados Rubén Eduardo Saavedra pasará polo quirófano o vindeiro luns; o naronés será intervido dunha lesión de menisco polo traumatólogo José Antonio López Rodríguez no Policlínico Lucense SA.

Así o decidiu o corpo médico da entidade laranxa onte pola tarde despois de analizar as probas ás que foi sometido o porteiro naronés e de detectar o corno do menisco interno e externo afectados, no seu xeonllo esquerdo. A artroscopia está programada para as 16.00 horas.

Edu, que se viu obrigado a retirarse da pista o pasado 29 de setembro ante o Triman por un forte pinchazo, confesouse dobremente aliviado pola noticia a pesar da intervención: “Non podo dicir que estou contento, porque teño que pasar polo quirófano, pero si que estou tranquilo non só porque xa rematou a incerteza e preocupación destes últimos quince días senón porque, entre todas os posibles diagnósticos, esta é unha das lesións de menor gravidade” explicou o meta laranxa. “Despois da operación, será o momento de falar de prazos reais de recuperación, pero, desde logo, teño todo o ánimo e fortaleza para volver a estar canto antes cos meus compañeiros nesta histórica tempada para o Burela FS“ expresou, con ilusión, o sólido cérbero laranxa.

Exit mobile version