Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela non entende a postura da oposición en contra da suba da taxas e impostos

O EQUIPO DE GOBERNO CONSIDERA UNHA IRRESPONSABILIDADE QUE A OPOSICIÓN ESTEA EN CONTRA DA ACTUALIZACIÓN DAS ORDENANZAS FISCAIS PORQUE “OS SERVIZOS TEÑEN QUE AUTOFINANCIARSE”.

Burela, 27 de outubro de 2012. O equipo de goberno considera unha irresponsabilidade que a oposición estea en contra da actualización das ordenanzas fiscais porque “os servizos teñen que autofinanciarse”.

Os populares lembran que “xa votaron en contra da maioría das ordenanzas na comisión informativa. É un exercicio de irresponsabilidade, porque hai un principio fundamental, que é que os servizos que se prestan teñen que autofinanciarse. Non é lóxico que teñamos contratos con empresas de servizos que nos soben automaticamente o IPC e que ese incremento o asuma o Concello, porque estaríano asumindo o conxunto dos cidadáns. O lóxico é que cada un asuma o que lle corresponde en función do gasto que fai, por exemplo no abastecemento de auga”.

Insisten desde o Grupo Municipal do PP en que “a actualización do IPC non nos gusta nos momentos actuais porque os soldos non están medrando, pero tampouco medraban no ano 2008 e resulta que o bipartito actualizou as ordenanzas do ano 2009 nun 4,5 por cento e nós fomos consecuentes con iso e abstivémonos, porque nós presentáramos emendas para facer diferenciacións entre as distintas ordenanzas. Pero non votamos en contra, porque entendemos que o Concello ten que xerar ingresos”. Aos populares non lles parece lóxico que “o PSOE e o Grupo Mixto adopten esta postura de dicir que non se poden subir impostos agora, cando resulta que eles nas campañas electorais das xerais e das autonómicas promulgaron unha suba de impostos. Porque ademais son uns auténticos depredadores económicos”. Lembran desde o equipo de goberno de Burela que “outros concellos onde gobernan van actualizar as ordenanzas en función do IPC, como por exemplo en Viveiro”.

No equipo de goberno indican que “cando se procedeu á última baixada dos soldos dos empregados públicos no ano 2010, sendo presidente Rodríguez Zapatero, o bipartito burelés actualizou as taxas aplicando o IPC. Ademais eles subiron os vados un 10%, a ocupación da vía pública incrementárona nun 50%, destinaron 1.000.000 de euros á compra dunhas farolas que non producen ningún tipo de aforro enerxético e foron eles tamén os que provocaron que houbese que pedir un crédito para abonar as facturas pendentes de pago. Esta xente non está moi lexitimada para dar leccións de nada a ninguén”.

Desde o Grupo Municipal do PP insisten en que “si queren que o Concello se colapse e deixe de prestar servizos que o digan. Pero nós vímonos obrigados a facer un plan de axuste derivado da dilapidación absoluta que se fixo durante os 4 anos do bipartito, cun descontrol total que nos levou a ter que recoñecer facturas sen pagar durante a época do bipartito por importe de 1.100.000 euros e o crédito por esa cantidade temos que pagalo entre todos os cidadáns”. Os populares piden que “que expliquen eles qué medidas adoptarían para solucionar este problema, pero que non entren en cuestións demagóxicas. Deben explicar as medidas que adoptarían, porque mentres estiveron no equipo de goberno non fixeron nada e agora piden que nós fagamos o que eles non foron capaces de facer. Qué expliquen entón porque non o fixeron eles”.

Desde o equipo de goberno do Concello de Burela dinlles aos cidadáns que “nestes momentos todos temos que arrimar o ombro, absolutamente todos, e que se non houbera que pagar a partires de agora 210.000 euros ao ano durante 8 anos por ese crédito de 1.100.000 euros derivado da nefasta xestión do bipartito probablemente algunhas ordenanzas non se actualizarían. Pero eles no seu momento por exemplo subiron os vados de forma espectacular, multiplicando case por dous o seu importe”.

Os populares tamén aludiron á paga extra de Nadal dos funcionarios e subliñan que “a paga que non percibirán destínase por lei ao fondo de pensións ou ao plan de xubilacións. O que é dos traballadores segue a ser deles. Os señores do PSOE non se enteran de nada, son uns ignorantes”.

Rematan desde o equipo de goberno lembrando que “o Concello destinou nestes últimos meses 170.000 euros á formación de desempregados, iso quere dicir que nos preocupamos polo emprego. Falan da gardería e parece que descoñecen que hai un convenio asinado entre o Ministerio e a Xunta para a súa construción, e tamén aluden ao centro de día, ese que non foron capaces de abrir en catro anos e que nós en pouco máis de 12 meses puxemos a andar. Nós estamos a facer todo o que o bipartito non fixo e arranxando todas as débedas que deixaron pendentes. As súas declaracións, polo tanto, son irresponsables e hipócritas”.

Exit mobile version