Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Lourenzá pídelle á Deputación que remate o proceso administrativo do Camiño

A transferencia da titularidade da vía municipal á Deputación está aprobada en plenos municipal e provincial á falta só da firma do convenio

O PP provincial insta á Deputación a que cumpra os acordos plenarios do 2006 e termine o proceso administrativo do Camiño A en Lourenzá

Con esta iniciativa o PP dálle traslado ao ente provincial do acordo plenario unánime aprobado no Concello de Lourenzá para a necesaria redacción do convenio regulador da proposta de transferencia do Camiño A e o seu posterior envío ao consistorio, amosando a importante preocupación do Concello de Lourenzá pola axilización deste tema, que solicita que sexa tramitado o antes posible

O PP denuncia que Gómez Besteiro eluda unha vez máis o principio de cooperación e colaboración na procura de solucións ás problemáticas municipais e caracterice a súa xestión pola deixadez de funcións e a priorización sectaria na resolución das demandas

A urxencia na tramitación incrementouse dado o mal estado do vial, que a administración local se veu obrigada a arranxar provisionalmente, tendo en conta que o organismo provincial limítase a conceder os permisos solicitados de obras situadas neste camiño, cobrando as respectivas taxas e finanzas, por tratarse dunha vía provincial, e pola contra négase a asumir a súa adecuación

Lourenzá, 26 outubro 2012. – O Grupo Provincial do Partido Popular instará na próxima sesión plenaria do martes á Deputación de Lugo a que axilice os trámites para a transferencia do chamado Camiño A, que sendo municipal pasaría a ser provincial, e que une as parroquias de San Adriano e San Xurxo, en Lourenzá. A portavoz provincial do Partido Popular, Elena Candia, e a rexedora laurentina, Emma Álvarez, reuníronse para tratar este tema dado a importante preocupación que suscita tanto para o PP laurentino como para os veciños afectados.

Os populares na Deputación esixiranlle de novo ao presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, que cumpra cos acordos plenarios municipais (29/05/2006) e provincial (27/02/2006), que recollen a aceptación da transferencia do vial e a execución posterior do convenio. Polo tanto, atendendo ao principio de colaboración cos concellos, que debe garantir a xestión da Deputación provincial; dende o Grupo do Partido Popular reclaman que Gómez Besteiro non eluda unha vez máis colaborar cos ente locais, neste caso o laurentino, evitando unha xestión caracterizada pola deixadez de funcións e a priorización sectaria na resolución das demandas.

Dada a falta de resposta do PSOE provincial tras numerosas peticións trasladadas dende o concello para a axilización da tramitación, en agosto deste ano, a corporación municipal local aproba en sesión plenaria, co voto a favor dos tres partidos con representación municipal (PP, BNG e PSOE), reiterarlle de novo á Deputación a necesaria axilización da firma do convenio regulador. Un acordo unánime que o Grupo Popular na Deputación leva agora ao pleno provincial, garantindo a súa función de ser voz dos concellos na administración provincial e procurando evitar que a Deputación se converta nun ente que eluda colaborar cos consistorios municipais.

De maneira concreta, a acta da sesión de agosto recolle instar á Deputación Provincial de Lugo á redacción e posterior envío do borrador regulador das propostas de transferencia, por un lado, do Camiño denominado A, que sendo municipal pasaría a ser provincial, e por outro lado, da cesión por parte da Deputación do tramo urbano CP-2801 de Santo Tomé por San Adriano e Augaxosa a Mazo, co obxecto de poder examinalo e aprobalo.

Antecedentes

Debido ao importante custo do mantemento deste vial dada a gran afluencia de tráfico que empezaba a soportar, no ano 2005 iníciase o proceso de tramitación da titularidade do Camiño A, sendo aprobada tanto en pleno local como provincial e contando cun informe do servizo de vías e obras da Deputación que consideraba conveniente a cesión do vial .

Tras desoír as reiteradas peticións do ente local para axilizar a tramitación, a urxencia do asunto incrementouse nos últimos tempos polo mal estado da estrada, que obrigou ao goberno local a arranxar o badén que presentaba, de maneira provisional, froito da perigosidade que supoñía para a circulación. Dende a propia Deputación negáronse a asumir o arranxo do vial, por consideralo de titularidade municipal, pese a ser o organismo provincial o encargado de conceder os permisos solicitados de obras situadas no Camiño A, cobrando as respectivas taxas e fianzas, por tratarse dunha vía provincial.

Dada a necesidade de clarificar a situación e axilizar os trámites administrativos, o PP pediralle en pleno ao presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, que redacte o convenio regulador tal e como así tamén llo solicitaron en pleno os representantes socialistas no concello de Lourenzá.

Exit mobile version