Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que instou en xullo á posta en marcha inmediata do Plan de Obras e Servizos

O PP instou en xullo ao equipo de goberno provincial á posta en marcha inmediata do Plan de Obras e Servizos, o chamado POS

O PSOE e o BNG na Deputación incumpren o acordo plenario unánime para a firma inmediata de convenios cos concellos dentro do POS

O equipo de goberno asumiu en xullo operativizar de forma inmediata os investimentos das cantidades orzamentadas para o POS, un plan que dinamiza a economía, fomenta emprego e atende demandas obxectivas e necesarias para os veciños

A inmediatez asumida pola Deputación na execución do Plan quedou en papel mollado, xa que a menos de tres meses para o peche da anualidade, os rexedores locais seguen a descoñecer o proceso e o futuro deste plan e polo tanto, seguen sen poder planificar as cantidades consignadas nos orzamentos locais para este fin

Os populares instan ao equipo de goberno a que cumpra este acordo de xeito inmediato, tal e como se comprometeron, e máis tendo en conta a supresión do Plan de Pequenas Infraestruturas e que os concellos gobernados polo PP non están a recibir “nin un só euro desta Deputación”.

Lugo, 10-10-2012 – O PSOE e o BNG na Deputación provincial de Lugo incumpre o acordo plenario aprobado por unanimidade en xullo e presentado a iniciativa dos populares, en cuxa moción instaban á Deputación provincial de Lugo a que procedera de xeito inmediato á posta en marcha do Plan de Obras e Servizos entre as cantidades consignadas para tal fin por parte do ente lucense e dos concellos da provincia de Lugo. Os populares instan ao equipo de goberno a que cumpra este acordo plenario de xeito inmediato, tal é como se comprometeron. A portavoz provincial, Elena Candia, reitera a necesaria inmediatez na execución do POS dada a falta de colaboración da Deputación cos concellos manifestada “na supresión do Plan de Pequenas Infraestruturas e no feito de que concellos gobernados polo PP non están a recibir “nin un só euro desta Deputación”.

Co obxecto de impulsar e concretar os compromisos asumidos polo BNG e o PSOE en anteriores sesións plenarias e proporcionarlle a información a que teñen dereito os rexedores locais; o Grupo Provincial do Partido Popular rexistrara esta iniciativa a cuxo acordo se comprometeron dende o goberno provincial asegurando, segundo palabras do portavoz socialista Manuel Martínez, que “imos manter o POS en Lugo, dixémolo e reiterámalo”.

Os populares denuncian de novo que a menos de tres meses do peche deste exercicio, os rexedores locais seguen a descoñecer o proceso e o futuro deste plan e polo tanto, seguen sen poder planificar as cantidades consignadas nos orzamentos locais para este fin.

A portavoz do Partido Popular na Deputación, Elena Candia, recorda a importancia deste plan, abalada coas propias declaracións en sesión plenaria dos voceiros do PSOE e do BNG que referín ao POS como “necesario e importante, que dinamiza a economía provincial e tamén fomenta o emprego”. Pese a esta concepción, Candia denuncia que o ente provincial siga sen priorizar na súa xestión a cooperación cos concellos.

Segundo a portavoz provincial, está situación está a preocupar aos rexedores locais, que non só viron eliminado o Plan de Pequenas Infraestruturas, senón que agora non saben como se vai executar nin en que prazos o Plan de Obras e Servizos por parte do equipo de goberno da Deputación.

Elena Candia pídelle á Deputación provincial que cumpra co seu compromiso cos lucenses e que atenda, polo tanto, ás preocupacións dos rexedores, xa que tres meses despois de asumir o compromiso da posta en marcha inmediata do POS, o Goberno de Gómez Besteiro segue sen actuar e polo tanto descoñécese o que vai a pasar co 1.700.000 euros orzamentado pola Deputación para ao POS.

A preocupación dos populares acrecéntase trala análise da execución do orzamento da Deputación, que amosa que os investimentos contemplados son pouco máis que papel mollado, xa que a finais de setembro o ente provincial de Lugo só fora capaz de executar un terzo do previsto. Segundo Candia, unha execución de gastos a data 21 de setembro do 39,90%, proba a ineficiencia coa que actúa o goberno de Gómez Besteiro, polo que, tras estes feitos, a popular pide de novo máis información e concreción sobre o POS.

Exit mobile version