Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que lle negan o acceso á documentación da que ten pleno dereito

PP: “¿Que oculta o presidente provincial no Plan de Cooperación?”

Besteiro vulnera o regulamento da Deputación e négalle ao PP o acceso á documentación da que ten pleno dereito

O regulamento orgánico da Deputación Provincial de Lugo recolle nos seus artigo 18 e 19 o dereito de acceso dos membros da corporación a cantos antecedentes, datos ou informacións obren no poder dos servizos provinciais, debendo ser resolta motivadamente no prazo de cinco días. Se no devandito prazo non se produce resolución expresa, entenderase concedida por silencio administrativo.

Os populares solicitaron acceso aos expedientes do Plan de Cooperación co obxecto de comprobar a constatación de novos casos de concesións de subvencións a edís e membros vinculados polo PSOE

A actitude restritiva do presidente provincial preocupa ao Grupo Popular que intentar realizar a súa labor de oposición e facer seguimento da xestión do equipo de goberno da Deputación de Lugo

Lugo, 11-10-2012 – O presidente da Deputación provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, vulnera o Regulamento Orgánico de Funcionamento do ente e négalle ao Grupo do Partido Popular o acceso á documentación a que ten pleno dereito. Esta actitude do presidente provincial leva ao PP a preguntarse: “Que oculta o señor Besteiro en relación co Plan de Cooperación”.

Trala rolda de prensa na que os populares denunciaron a concesión de subvencións dentro do Plan de Cooperación dirixidas a sufragar obras cuxos solicitantes son ou ben edís socialistas ou ben persoas vinculadas con este partido político; varios alcaldes e portavoces puxéronse en contacto co partido para confirmar que esta listaxe se incrementaba.

Co obxecto de realizar a súa labor como grupo da oposición e contrastar a información que estaba a chegar ao poder do Partido Popular; o Grupo Popular pediu o día tres de outubro acceso aos expedientes e solicitudes do Plan de Cooperación con Entidades Veciñais e Asociacións de Veciños na anualidade 2012.

A portavoz do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, denuncia que o presidente provincial lle denegue unha vez máis o acceso a información “pisando os nosos dereitos”. O Regulamento Orgánico na súa sección 3ª, nos artigos 18 e 19 regulan o dereito á información de todos os membros da corporación e de maneira textual recolle que: “Todos os membros da Corporación teñen dereito a obter do presidente ou da Xunta de Goberno, cantos antecedentes, datos ou información obren en poder dos servizos provinciais e resulten preciso para o desenvolvementos da súa función”. Así mesmo, no artigo 19, recóllese que a solicitude dirixida a presidencia deberá ser resolta motivadamente no prazo de cinco días a contar dende a data da solicitude. Se no devandito prazo non se produce resolución expresa, entenderase concedida por silencio administrativo.

Candia volve a denunciar que moitas destas obras non son financiadas en base a criterios de obxectividade e necesidade real; senón en relación a que o beneficio repercuta sobre amigos do presidente provincial da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; ou sobre os restantes membros do seu equipo.

E polo tanto, para garantir a labor de oposición dende o Grupo Provincial do Partido Popular esíxenlle ao goberno de José Ramón Gómez Besteiro que cumpra co regulamento e garanta o dereito de acceso a información do Partido Popular.

Exit mobile version