Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE asegura que o candidato do PP á Xunta asistiu como mero espectador ao desmantelamento do emprego na Mariña

José Ramón Val: “Feijóo asistiu como mero espectador ao desmantelamento do emprego na Mariña lucense”

O candidato do PSdeG-PSOE pola Mariña participou en dous mitines en Barreiros e Cangas nos que fixo un repaso dos anos do goberno de Feijóo para a comarca

O candidato do PSdeG-PSOE na Mariña e número tres da candidatura provincial, José Ramón Val, participou hoxe en dous mitines en Barreiros e Cangas nos que fixo un repaso do que supuxeron estes case catro anos de goberno do PP para a comarca. “O señor Feijoo asistiu como mero espectador ao desmantelamento de emprego nesta comarca”, afirmou Val, que fixo referencia ao cese de actividade de varias empresas como ECAR en Mondoñedo, onde 90 persoas foron á rúa, ou un ERE en Mobles Hermida con 72 traballadores, “e entre medias a desaparición de moitas PEMES” sen poñer ningunha alternativa riba da mesa. “O que ía rematar co paro en 45 días non fixo máis que contemplar como sucedía todo o contrario”, asegurou Val, que pediu ademáis “que se deixen de anuncios efectistas e traían xa unha solución real e a longo prazo para Alcoa”.

O socialista falou tamén da “paralización de todas as infraestruturas vitais para o desenrolo da comarca”, entre elas a VAC paralizada ou o acceso e a ampliación do porto de Burela, e “no sector náutico nada sabemos dos portos deportivos de Foz ou San Cibrao”, engadiu. En Sanidade incidiu na situación do Hospital de Burela, “moi preocupante, con menos especialistas, máis listas de espera e derivando pacientes a clinicas privadas”.

Na educación, “máis do mesmo”, afirmou, “menos profesores con máis alumnos significa menos calidade, houbo eliminación de unidades educativas e supresión da gratuidade de libros de texto”. Ante esta situación “de gravidade para a comarca”, Val expuxo as alternativas dun modelo “socialista e totalmente oposto ao actual” para “garantir un estado de benestar para todos e saír desta crise desde a esquerda con politicas de igualdade onde os que menos teñen non se queden polo camino, xa que iso está no ADN dos socialistas”.

Val expuxo os compromisos do PSdeG-PSOE como “xerar emprego para a xuventude, con becas contrato para 25000 mozos” e “desenrolar os sectores produtivos como a pesca, o sector agrogandeiro, o forestal e apostar pola industria”. Por todo isto, pediu “que ninguén quede na casa o 21 de outubro, para pararlle os pés ao PP”, xa que “outra saida é posible”. Asimesmo fixo un chamamento “aos indignados e á xente que non lle gusta” o que está pasando. “A mellor forma de indignarse co goberno é non votar ao PP o día 21”, dixo.

Exit mobile version