Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Burela di que é tremendamente inxusto que cando os soldos se conxelan ou están a baixa no concello apliquen o 3,4 % de suba de impostos

O Grupo Municipal Socialista fai pública esta nota de prensa en relación coa convocatoria do pleno extraordinario a celebrar o próximo día 29 de outubro ás 11.

É un Pleno de marcado carácter económico, as únicas propostas do goberno son as de aumentar o IPC (3,4%) a maioría das taxas e impostos que pagamos os bureleses, crear novos impostos e retirar a paga extra aos funcionarios. É de salientar que este goberno que prometeu austeridade e baixar os impostos crea dous novos . Un deles para gravar aos propietarios que vendan fincas ou edificacións cun imposto sobre a plusvalía. A partir do 2013 aqueles que vendan propiedades terán que pasar por caixa para cotizar. É outro para cobrar unha taxa polo servizo de medición de ruído, parece que non queren que os cidaddaáns reclamen contra os ruídos.

Para o Grupo Municipal Socialista é tremendamente inxusto que cando os soldos se conxelan ou están a baixa no concello apliquen o 3,4 % de suba aos principais impostos e taxas. Pensamos que desde o concello se debería facer un verdadeiro estudo sobre todas as taxas e impostos, entendemos que algunhas son moi altas, outras deberían ser máis progresivas e algunha cremos que debería baixar. Non estamos de acordo con aplicar esta modificación igual para todas.

Non é de recibo que o aforro que vai ter o concello coa eliminación das pagas extraordinarias non se adique a fins que faigan mellorar a vida dos bureleses.

O equipo de goberno do PP especializouse en complicarlle a vida os veciños de Burela por dúas vías diferentes. Por un lado creou novas taxas e impostos ( cobra por utilizar instalación deportivas, aulas, edificios e dependencias do concello, vodas civís, etc.), sube aplicando o IPC (3.4%) ó 90% das taxas que xa había e a parte do resto redondéanas, á alza, con unha suba maior do IPC. Por outro lado non xestionan ningunha medida que compense tanto gasto ás familias, como por exemplo medidas para crear emprego, impulsar o turismo, favorecer ó comercio, impulsar o asentamento de poboación, ampliar o hospital, rematar o acceso ó porto, ampliar a gardaría, concertar prazas para o centro de día, incrementar as políticas sociais, apoiar ás empresas con problemas, defender o sector pesqueiro, mellorar o abastecemento da auga limpando o encoro de Rúa, esixindo a continuidade da autovía de Barreiros s. Cibrao, etc.

Neste momento o goberno municipal debe ser colaborador e solidario á hora de buscar solucións que aporten melloras colectivas que impulsen a recuperación. Pero o noso entender están a facer todo o contrario.

Exit mobile version