Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo alerta que o traspaso de competencias da policía local á xefatura provincial pode ser o inicio da fin do servizo

OS SOCIALISTAS ALERTAN QUE O TRASPASO DE COMPETENCIAS DA POLICÍA LOCAL Á XEFATURA PROVINCIAL PODE SER O INICIO DO FIN DESTE SERVIZO

-No último pleno, votaron en contra desta proposta do goberno xa que consideran que “non se pode renunciar a unha prestación que nos costou tanto esforzo conseguir e que atinxe á seguridade dos veciños”

-Aseguran que “dende que entrou Villares na alcaldía, o servizo cada vez vai a menos, se segue así, será moi difícil recuperalo xa que hoxe non se contempla a obriga de dotar de Policía Local a concellos de menos de 5.000 habitantes”

CERVO, 31 DE OUTUBRO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo votaron en contra dunha proposta presentada polo equipo de goberno no último pleno en relación á suscripción dun convenio da Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo para traspasarlle a competencia de sancionar as infraccións en materia de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria cometidas nas vías urbanas do Concello de Cervo, ata o de agora asumida pola Policía Local.

Os socialistas subliñan que esta medida do alcalde, Alfonso Villares, non será máis que “o inicio do fin do servizo de Policía Local no noso Concello. Levamos alertando moito tempo que o noso rexedor pretende desmantelar pouco a pouco este servizo. A falta de medios persoais e materias que xustifica para a solicitude deste convenio é responsabilidade del mesmo, da súa desidia e deixadez de funcións neste ámbito”.

Lembran que “cando entraron no Concello, os veciños contaban cun servizo moi completo pero grazas á súa pasividade agora mesmo só temos un policía e un auxiliar. Se continúan así, acabaremos perdendo esta prestación e será moi difícil volver a recuperala, xa que actualmente non se contempla a obrigatoriedade de dotar ós concellos de menos de 5.000 habitantes, coma Cervo, de Policía Local”. Neste senso, “minten cando din que a medida terá carácter temporal, se seguimos traspasando competencias, será moi duro volver a conseguilas”.

Dende o GMS esíxenlle ó señor Villares que “se deixe de tanta demagoxia e que loite por servizos relevantes coma este que tanto esforzo nos costou conseguir e atinxen, por riba de todo, á seguridade dos nosos veciños”.

Exit mobile version