Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Lugo manterá reunións en todas as comarcas para “dar respostas á cidadanía”

O PSdeG de Lugo manterá reunións en todas as comarcas para “dar respostas á cidadanía”

-A Executiva Provincial reuniuse onte á noite para analizar os resultados das eleccións e definir o camiño nun “punto de inflexión” para o partido

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE lucense reuniuse onte á noite na sede de Lugo para analizar con detalle os resultados electorais e definir o camiño no que tanto o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, como o secretario de organización, Juan Carlos González Santín, definen como “un punto de inflexión” para o partido. “O obxectivo é a reconciliación con nós mesmos e coa xente”, aseguraron tras admitir que os datos “son malos sen excusas, e hai que traballar para cambialos”.

Entre as decisións tomadas está a celebración de asembleas en todas as comarcas da provincia e reunións “nas que hai que escoitar a todos os afiliados” para atopar o modo de “dar respostas á cidadanía”, con cambios “profundos pero tranquilos”, e con prazos definidos para atopar “a mellor solución entre todos”.

Os resultados en Lugo amosan unha importante baixada do partido, pero tamén do PP -que a pesar de gañar un escano, perdeu 12.249 votos na provincia- e do BNG, cun aumento da abstención, os votos en branco e os nulos, ademais da irrupción de AGE con máis de 18.000 votos. “Hai que ler entre liñas, porque a cidadanía está a mandar unha clara mensaxe que desde o PSdeG imos recoller”, aseguran desde a Executiva Provincial.

Exit mobile version