O PSdeG denuncia que “xa é a terceira adenda que o PP pide no convenio de Barreiros, para non facer nada”
-A Xunta comprometeuse por escrito en abril de 2009 a aportar 5,6 millóns para solucionar os problemas urbanísticos e leva tres anos e medio solicitando aprazamentos
– O candidato pola Mariña José Ramón Val estivo na estrada Reme-Vilamar, para a que o PP prometera 500.000 euros e só fixo “un rebacheo en período electoral”
A Xunta anunciara a supresión das medidas cautelares sobre 44 licencias concedidas e a posta a disposición de 5,6 millóns pola súa parte, ademáis de 7 por parte do propio concello e dos promotores e 1,2 pola Deputación. “A día de hoxe nada sabemos máis alá desas adendas que a Xunta solicita ao convenio para non facer nada, o que leva a que a situación sexa moito peor que hai tres anos, porque nada se sabe desas obras recollidas no convenio centradas en saneamentos, abastecementos e construcción de beirarrúas, e as empresas que ían aportar cartos para esas obras estan moitas delas nunha moi dificil situación, en moitos casos con expedientes de regulación de emprego”, lamenta Val, que destaca que “a única administración que sempre deu a cara foi a Deputación, que ten os cartos consignados á espera de que a Xunta mova ficha”.
José Ramón Val, xunto con outros membros do grupo municipal socialista, escolleron a estrada Reme-Vilamar para censurar as actuacións da Xunta, xa que está situada nunha das parroquias do interior do Concello, “se cabe das máis prexudicadas porque a inversión nela foi nula, non se ampliaron os saneamentos nin os abastecementos de auga e as infraestruturas viarias deixan moito que desexar”, explica Val. A estrada Reme-Vilamar, a pesares de ser a conexión interior entre os concellos de Barreiros e Ribadeo co Val de Lourenzá, está “en moi malas condicións a pesares de que o conselleiro de territorio comprometera 500.000 euros” para o seu asfaltado. “O único que se fixo foi un rebacheo coincidindo con este periodo electoral no que nos atopamos”, lamenta o candidato socialista.