Xa está aquí a IV Edición do vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO”, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración coa UNED e Radiofoz
As sesións desenvolveranse no salón de actos da UNED (Foz) durante catro xoves consecutivos a partir do 8 de novembro
O IV vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO” desenvolverase no salón de actos da UNED de Foz durante catro xoves consecutivos, a partir do 8 de novembro, en horario de 19 a 21 horas. O prazo de inscrición está xa aberto, e na actividade poden anotarse todas as persoas que o desexen, estándose a tramitar créditos de libre configuración para as persoas participantes. Quen desexe inscribirse na actividade, totalmente gratuíta, debe pórse en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982133699 ou acudindo presencialmente ás aulas da universidade en Foz (sitas na rúa Castelao, s/n).
As sesións de “MULLERES NO MUNDO” estarán guiadas por socias do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día:
● 8 de novembro: Criadas y señoras. Dirección de Tate Taylor. EE.UU
● 15 de novembro: En el camino. Dirección de Jasmila Zbanic. Bosnia Herzegobina
● 22 de novembro: Fuego. Dirección de Deepa Mehta. Canadá/India
● 29 de novembro: ¿Y ahora a dónde vamos?. Dirección de Nadine Labaki. Líbano.
A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa condutora das reflexións do grupo.
O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.
Máis información en:
http://unedaulafoz.blogspot.com