Site icon Crónica3.com A Mariña

Os veciños de Burela levan depositado 2.225 quilos de aceite usado no que vai de ano

DE XANEIRO A SETEMBRO OS VECIÑOS DE BURELA DEPOSITARON NOS COLECTORES 2.225 QUILOS DE ACEITE USADO, UN 53% MÁIS QUE NO MESMO PERÍODO DO ANO PASADO. O CAMBIO DO SISTEMA DE RECOLLIDA CONTRIBUÍU DE XEITO POSITIVO A MELLORAR ESES DATOS, SEGUNDO PATRICIA LÓPEZ EIJO.

Burela, 15 de outubro de 2012. De xaneiro a setembro os veciños de Burela depositaron nos colectores 2.225 quilos de aceite, un 53% máis que no mesmo período de 2011. Así se desprende dos datos facilitados pola empresa encargada de recoller este aceite usado de cociña e que esta mañá daba a coñecer a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo.

A edil popular subliña que “estes datos confirman que o cambio dos colectores do sistema inicial, onde había que baleirar directamente o aceite no colector, aos novos colectores nos que se pode depositar a botella directamente dentro, foi positivo en termos de recollida”. López Eijo lembrou que “o cambio dos colectores comezouse a facer en febreiro, e dende entón fomos observando como cada mes se incrementaba a recollida nos colectores, pasando dos 90 quilos que se recolleron en xaneiro e os 120 de febreiro aos 420 quilos que se depositaron o pasado mes de setembro”.

A concelleira de Medio Ambiente indicou que “o cambio tamén foi positivo no que se refire á limpeza, posto que agora, excepto casos puntuais, non se observan ao pe dos colectores restos de aceite nas rúas e beirarrúas”. E engadiu que “o que seguimos detectando dende a Delegación de Medio Ambiente é que en certos colectores os usuarios seguen deixando a botella ao pé dos colectores sen depositala dentro do mesmo. Queremos desde esta concellería recordarlle aos veciños que con este novo sistema é posible depositar a botella directamente no colector, o único requisito será que a botella estea ben cerrada e sexa dun material non rompible, como pode ser o plástico, para que así non se derrame o aceite no colector e evitar tamén así os cheiros que se puideran desprender”. Patricia López Eijo sinalou que “no colector entran as botellas de 5 litros, as máis grandes non”. Dende a Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela “agradecemos a colaboración dos veciños, e animámolos a seguir contribuíndo na mellora ambiental do noso municipio, coa súa actitude evitouse contaminar, no que vai de ano 2.447.500 litros de auga”.

Exit mobile version