Site icon Crónica3.com A Mariña

Os veciños de Rúa e Trasbar (Cervo) poderán acceder a Internet de banda larga

Máis de 470 veciños de Rúa e Trasbar dispoñen de Internet de calidade a través do Plan de Banda Larga da Xunta

-Coa instalación dunha nova tecnoloxía, todo o municipio de Cervo conta con cobertura, tanto no fogar como nos dispositivos móbiles

Cervo, 15 de outubro de 2012-O director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso, estivo este mediodía en Cervo para comprobar a instalación dunha nova tecnoloxía de Internet que permite dotar de cobertura ou ampliar a xa existente en zonas con dificultades de recepción. Alonso reuniuse co alcalde, Alfonso Villares, para analizar o novo despregamento do que se beneficia o municipio. O representante da compañía en Galicia e o rexedor achegáronse tamén ata a estación base de Cervo para comprobar a instalación do novo sistema que permite mellorar o alcance e as posibilidades do sinal a través do Plan de Banda Larga da Xunta.

O despregamento realizado permite dotar de conexión de Internet a máis de 470 veciños da parroquia de Rúa e do burgo de Trasbar. En total son 27 os núcleos beneficiados desta acción: Castelo, Trasbar, O Abrigo, As Augas Santas, A Amoeira, Aquela Banda, Árbol, Bouzas Chas, As Cabanas, O Cal, Casmaio, As Curuxeiras, A Estibada, O Freixo, A Lama, O Machuco, A Madanela, Murazos, A Nogueira, O Pazo, Percorvo, O Pereiro, O Rego, A Ruela, O Vedral, O Vieiro e Granda.

En todos estes núcleos a veciñanza disporá nos próximos días de Internet de 7 megas de velocidade. Nalgúns lugares cervenses esta é a primeira vez que acceden á rede, mentres noutros a actuación vén a ampliar e mellorar a cobertura dispoñible ata o de agora e que non era suficiente para prestar un servizo de calidade.

En concreto, a tecnoloxía empregada por Telefónica é a UMTS-3G na banda de 900 Mhz, cunha grande capacidade de propagación en zonas de orografías complexas. Este sistema permite dotar de cobertura de Internet tanto no fogar, a través dunha base wifi que se pode conectar por vía inalámbrica a ordenadores, móbiles ou tabletas; como na rúa, a través de dispositivos móbiles con tarifa de datos.

Con esta última actuación de Telefónica, o municipio de Cervo queda dotado de sinal de Internet en todos os recunchos do rural, onde quedaban pendentes os núcleos citados. Para iso foi necesario implantar a nova tecnoloxía UTMS-3G en catro antenas xa existentes que daban cobertura ao concello así como instalar unha nova estación co mesmo sistema no Valadouro.

Alfonso Villares agradeceu ao director de Telefónica en Galicia a “rapidez e a dilixencia coa que a compañía atendeu as necesidades de Cervo xa que a instalación da nova tecnoloxía no noso municipio estaba prevista para o ano que vén”. Polo tanto, para o rexedor cabe destacar “que Telefónica atendera as demandas do Concello e fixera posible antes do previsto poñer en marcha un servizo como é a Internet, imprescindible para conseguir un reequilibrio territorial entre a zona urbana e a zona rural”.

O mandatario cervense mantivera varias xuntanzas con veciños de Rúa e Trasbar, que lle manifestaran ao rexedor o seu desexo de contar con sinal de Internet e Villares xa se amosara “sensible” ás súas peticións ao tratarse dunha ferramenta “imprescindible tanto para tarefas e trámites cotiáns como para manterse conectado co mundo” remata o alcalde.

Exit mobile version