PERSOAS DE IDADE
A Asemblea Xeral das NN.UU. sinala o 1º de outubro como o Día Mundial das Persoas de Idade. Tal enunciado descolocounos coidando que se trataba de algo dirixido á poboación universal, sen excepción, porque, ¿que persoa non ten idade?. O Plan Fiduciario das NN.UU. estableceuse como Acción Internacional sobre o Envellecemento, en Asemblea Mundial celebrada en Viena en 1982.
Fálase, polo tanto, das persoas que chegaron á vellez . É dicir, que son vellos/as; e Este alto organismo define como tales ás de mais de 65 anos; a idade de xubilación xeralmente aceptada. Ata o S. XIX, acadar esa idade era un privilexio, xa que a esperanza de vida, incluso en Europa, non superaba os 40 ou 50 anos. Non hai dúbida de que esta ampliación do ciclo vital e, polo tanto, o incremento da poboación a partir desa etapa, débese, sobre todo, á mellora da calidade de vida e aos avances da medicina. É certo que nesta situación demográfica (na que se deixa de producir e sen dúbida empeora a saúde), a sociedade debe empregar máis recursos humanos i económicos para a súa atención; é este un principio, por evidente, aceptado universalmente. Pero, aínda tratándose dun proceso normal, en canto que obedece a razóns biolóxicas, a vellez é algo que a sociedade non acepta coa debida naturalidade e, por conseguinte, coa consideración que sería desexable; e dicimos isto porque mesmo dende as institucións recórrese a expresións artificiosas para referirse a un colectivo ben definido: a vellez ou os vellos, que neste caso pretendese enmascarar baixo o absurdo eufemismo de “persoas de idade”.
No noso contorno está moi consolidada outra forma que consideramos aldraxante: é iso da “ Terceira Idade”. Nunca entendemos tal expresión: ao longo do noso periplo vital fomos neno, adolescente, xove, adulto…e agora, vello. Endexamais alguén nos dixo antes que estabamos na primeira ou na segunda idade; non comprendemos como de súpeto aparecemos na “terceira”, termo que ten unhas connotacións pexorativas: se mentamos ao “terceiro mundo” estamos a falar de pobreza e analfabetismo; se mercamos un billete de “terceira” para o tren viaxaremos no vagón menos confortable do convoi e se na carnicería nos dan “terceira” levaremos osos, graxa e pelexos….
Somos moi conscientes das limitacións, moitas veces dramáticas, que se viven na vellez; pero nunca pola idade ou a situación física ou mental, a persoa é ”de terceira” aínda que algúns, carentes da elemental sensibilidade, así o proclamen; os valores humanos e a dignidade do individuo transcenden ás eventualidades.
Suso Fernández