Site icon Crónica3.com A Mariña

PSOE: “O que precisa Alcoa é unha solución seria e a longo prazo, non un anuncio nun mitin”

Concepción Burgo: “O que precisa Alcoa é unha solución seria e a longo prazo, non un anuncio nun mitin”

-A cabeza de lista do PSdeG-PSOE por Lugo ve “inaceptable a fórmula” que Feijóo uitlizou para falar cos traballadores e espera “unha confirmación e unha seguridade que, como sempre, Feijóo e o PP non nos dan”

A cabeza de lista do PSdeG-PSOE por Lugo, Concepción Burgo, asegurou hoxe nunha visita á feira medieval de Lugo que, “como cidadáns e veciños”, aos socialistas lles gustaría “moito” que o anuncio de Feijóo sobre a solución de Alcoa “fose certo, xa que é un problema moi grave para Lugo e para Galicia”, pero afirmou que “como Feijóo minte de forma continua, hai que poñer en dúbida” as súas palabras. “Non coñecemos o suposto acordo, só a prórroga dunha tarifa que xa existía, e o que precisa Alcoa é unha solución seria e a longo prazo, non un anuncio nun mitin. Se non, non se arranxa nada”, sinalou.

Burgo esixiu “unha confirmación e unha seguridade que, como sempre, Feijóo e o PP non nos dan”, e lamentou “que isto se producira nun mitin, nunha clara confusión entre o que é unha campaña electoral e unha acción de goberno”, o que considera “unha fórmula inaceptable”. A socialista reclama “unha solución seria e sobre o papel, e non un mero anuncio que fixo incluso antes de reunirse cos traballadores”. A socialista lembrou que o goberno de Feijóo “está a incumprir a lei electoral continuamente”.

Exit mobile version