Site icon Crónica3.com A Mariña

Queixase o PP de que concellos gobernados por alcaldes desa formación non recibiron nin un só euro a través de subvencións excepcionais

O goberno de Gómez Besteiro favorece descaradamente aos concellos onde gobernan a través de subvencións outorgadas mediante un procedemento extraordinario e de excepcionalidade

Gómez Besteiro afoga aos concellos gobernados polo Partido Popular

Os 44 concellos lucenses xestionados por un rexedor popular non recibiron no que vai de anualidade nin un só euro para investimento a través de subvencións excepcionais

Elena Candia lembra que Gómez Besteiro eliminou o Plan de Pequenas Infraestruturas que de maneira obxectiva daba investimento aos concellos e agora retrasa a posta en marcha do POS

Os populares esíxenlle a Gómez Besteiro que non utilice a Deputación con fins políticos e que cumpra co seu cometido poñendo en marcha de forma inmediata o Plan de Obras e Servizos (POS)

Lugo, 12-10-2012 – A portavoz do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, acusa ao presidente da institución lucense, José Ramón Gómez Besteiro, de emprender unha xestión partidista con fondos públicos que está a provocar que o PSOE e o BNG na Deputación afoguen aos concellos gobernados polo Partido Popular.

Candia verte esta opinión en relación ás declaracións que fixeron responsables do equipo de goberno de Besteiro sobre as criticas que o GPPP está a facer de xeito rigoroso e na que solicita o cumprimento da moción que por unanimidade fora aprobada no mes de xullo. Segundo Candia, estas declaracións deixan entrever que calquera obra que de forma directa ou indirecta poda beneficiar a un concello gobernado polo PP é un problema e a xestión para levala a cabo pode ser ‘torpedeada’, retrasada e en algún caso anulada.

Candia lembra que Gómez Besteiro eliminou o Plan de Pequenas Infraestruturas, que permitía o reparto obxectivo de diñeiro público para facer obras e agora parece ser que ten previsto retrasar a posta en marcha do POS incluso ata novembro, a un mes para o peche da anualidade.

Candia recorda que nos últimos meses os 44 concellos gobernos polo PP en Lugo recibiron cero euros a través de convenios excepcionais, o que demostra que Gómez Besteiro favorece descaradamente aos concellos onde gobernan a través de subvencións outorgadas mediante un procedemento extraordinario e de excepcionalidade.

Os preto dun millón de euros de fondos públicos concedidos a través de subvencións excepcionais foron repartidos entre doce concellos, todos eles gobernados polo PSOE e polo BNG. Os concellos do PP supoñen o 65% do total dos concellos lucenses, e non reciben nin un só euro, o que segundo Candia “é incomprensible e inaceptable” ademais de “ser inconcibible que ningún destes concellos reúnan condicións obxectivas para ser beneficiarios deste tipo de subvencións”

Os populares lucenses critican que o Goberno bipartito da Deputación provincial abusa de xeito habitual e reiterado deste procedemento de concesión de subvencións directas, sobre todo nas proximidades de calquera cita electoral e para favorecer a concellos ou asociacións da mesma cor política que a das forzas do bipartito.

Resulta evidente que Gómez Besteiro e Antón Veiga dirixen e forman parte dun goberno -o bipartito da Deputación lucense- cun moi dubidoso compromiso coa transparencia e a ética política o que lles leva a acometer este tipo de prácticas como mínimo cuestionables. Dado a isto, os populares adiantan que presentarán cantas iniciativas de seguimento e control sexan precisas.

Exit mobile version