Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello de Mondoñedo e Deputación organizan as primeiras xornadas de poesía Manuel Leiras Pulpeiro

ANTONIO VEIGA PRESENTA AS XORNADAS DE POESÍA MANUEL LEIRAS PULPEIRO

Coincidindo co centenario da súa morte, a Deputación de Lugo e o concello de Mondoñedo tratan de pór en valor a figura do escritor mindoniense, referente da literatura galega

Nesas xornadas presentaranse novas edicións da súa obra que leva preto de vinte anos fóra do mercado, o que dá idea da oportunidade da súa reedición

Mondoñedo, 20 de outubro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou, esta mañá, na presentación das primeiras Xornadas de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, ‘O poeta e o cidadán ao cabo dun século’, que se celebrarán en Mondoñedo do 9 ao 11 de novembro.

Durante a súa intervención, Antonio Veiga puxo en valor a figura do escritor mindoniense manifestando que “estamos ante unha figura de referencia non só na literatura comarcal e provincial, senón tamén na literatura galega, obxecto de estudo nestas xornadas que se enmarcan nos actos de conmemoración do centenario da morte de Leiras Pulpeiro, organizados pola Vicepresidencia da Deputación Provincial en colaboración co concello de Mondoñedo”.

No marco destas xornadas, estudosos e analistas como Xesús Alonso Montero, Xusto Beramendi González, Francisco Fernández Rei, Xe Freyre, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán García, María Camiño Noia Campos, Antón Reigosa, Ramón Reimunde, Dolores Sánchez Palomino ou Anxo Tarrío, entre outros, lembrarán a vida e obra do insigne escritor mindoniense e presentaranse novas edicións da súa obra, que levaba preto de vinte anos fóra do mercado, o que dá idea da oportunidade da súa reedición.

Trala celebración das xornadas, tamén en homenaxe a este poeta e estudoso da tradición oral, farase entrega do I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, que está a rexistrar unha alta participación e no que xa se acadou o medio cento de orixinais.

Veiga concluíu a súa intervención sinalando que “tanto estas xornadas como o certame de poesía súmanse a outras actividades realizadas ao longo deste ano como as V Xorandas do Peregrino en Homenaxe a Leiras Pulpeiro, o ciclo cultural ‘Que non calen os eidos!’ ou a elaboración do Roteiro Leiras Pulpeiro, coas que se pretende reivindicar a labor deste poeta”.

Exit mobile version