Site icon Crónica3.com A Mariña

Representantes de Compromiso por Galicia visitaron a factoría de Alcoa

XOÁN BASCUAS E IVÁN MARRUBE VISITARON HOXE A FACTORÍA ALCOA, DE SAN CIBRAO, E CRITICARON A PP E PSOE PORQUE “NUNCA VIRON COMO UNHA PRIORIDADE” A CONTINUIDADE DA FÁBRICA.

Lugo, 15 de outubro de 2012. O candidato de Compromiso por Galicia á presidencia da Xunta, Xoán Bascuas, o cabeza de lista pola provincia de Lugo, Iván Marrube, e outros membros da candidatura visitaron hoxe a factoría Alcoa, de San Cibrao, para manter unha xuntanza co comité de empresa da fábrica. Bascuas e Marrube criticaron a PP e PSOE polas súas actuacións respecto ao futuro da fábrica.

Bascuas comentou que “a ninguén se lle escapa a trascendencia e a importancia que ten Alcoa non só para A Mariña senón para o conxunto de Lugo ocupando prácticamente un tercio do producto interior bruto da provincia e polo tanto calquer tipo de preocupación ou de demanda tanto por parte dos traballadores como pola propia dirección da empresa debe ser atendida á maior brevidade posible”.

O candidato de CxG á presidencia da Xunta criticou a PSOE e PP porque “tiveron responsabilidades no goberno do Estado e é de quen depende unha boa parte da solución que se debe acometer para a cuestión da tarificación eléctrica, pero nunca tomaron esto como unha prioridade, o que deixa en evidencia cal é o seu interese, nunca miran para o país e sempre están mirando para outro lugar. Creo que vai sendo hora de que viremos este xeito de facer política”.

Iván Marrube tamén censurou a actuación de PP e PSOE respecto á factoría Alcoa, de San Cibrao, porque “están xogando, especialmente o PP nestes momentos, e poñendo parches que non son solucións senón pan para hoxe e fame para mañá, xa que para Alcoa o que hai que acadar é unha solución a longo prazo, falo de 10 a 20 anos, e que dea estabilidade á economía da comarca e da provincia”.

Ademais o cabeza de lista de Compromiso de Galicia considera que hai que buscar outras alternativas para economía da zona, porque Alcoa “é unha multinacional e en calquera momento pode deslocalizarse”. E Marrube anunciou que CxG “seguirá traballando para a continuidade da factoría de San Cibrao tamén a partir do día 22”.

Exit mobile version