Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 30 persoas participan nos cursos de memoria que se desenvolven en catro núcleos de Cervo

Unhas 30 persoas participan nos cursos de memoria que se desenvolven en catro núcleos de Cervo

-Nesta ocasión, ademais dos lugares nos que xa se viñan impartindo, como son Cervo, San Ciprián e Trasbar, tamén hai clases no local social de Rúa

Cervo, 27 de outubro de 2012-Este mes de outubro comezaron en Cervo os cursos de memoria que organiza a Concellería de Servizos Sociais. Un total de 30 persoas, a maior parte delas mulleres, están inscritas nestas clases que se imparten en catro núcleos do municipio: Cervo (Ecomuseo), San Ciprián (Casa da Cultura), Trasbar (local social) e Rúa (local social).

Como novidade cabe destacar que nesta ocasión as clases tamén se impartan en Rúa, onde durante o curso pasado non houbera demanda, mentres nos outros tres núcleos xa se viñan desenvolvendo con anterioridade. De feito, o Concello abrira a inscrición a todas as parroquias co obxectivo de achegar a actividade a todos os recunchos de Cervo e que ningún alumno ou alumna quedara sen a posibilidade de asistir.

En canto ao alumnado, a maior parte deles repiten con respecto ao curso pasado, interesados en volver a atoparse cos compañeiros, en exercitar as súas capacidades cognitivas e pasar un anaco entretidos compartindo o seu tempo con outras persoas. Os cursos de memoria son unha actividade consolidada, que se vén desenvolvendo nos últimos anos dirixidos a persoas de 50 anos en diante.

Durante as clases, os participantes realizan exercicios prácticos para manter espertar e activa a súa mente como forma de prever a perda de memoria, combinando as actividades relacionadas coa lingua e a ortografía, as matemáticas ou os animais cos pasatempos. A dinámica é moi participativa xa que a profesora propón uns exercicios que o alumnado completa para despois corrixilos en grupo.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, estiveron onte pola tarde nunha das clases, en concreto a que se imparte no local social de Trasbar, onde as participantes “transmitíronnos a súa alegría por volver a acudir a este curso de memoria, que lles resulta moi útil para estimular a súa mente e ao que acoden con moitas ganas para volver a atoparse coas compañeiras e compartir unhas horas xuntas”.

Exit mobile version