Site icon Crónica3.com A Mariña

Voluntarios de Alcoa constrúen unha zona de recreo para os veciños de Lago

Voluntarios de Alcoa constrúen unha zona de recreo para os veciños de Lago

Voluntarios de Alcoa San Ciprián constrúen mañá, 19 de outubro, unha zona de xogos, deporte e esparexemento para os veciños da parroquia de Lago en colaboración coa Asociación de Festexos A Granda. Esta actividade solidaria conta co respaldo de Fundación Alcoa, que por terceira vez doa 3.000 dólares a esta entidade sen ánimo de lucro, como mostra do respaldo de Alcoa á colaboración solidaria dos seus empregados.

Os voluntarios transformarán un espazo sen uso, próximo ao centro social de Lago, en zona acondicionada para xogos, deportes e esparexemento veciñal. Para iso, plantarán un sebe de túas, árbores de vistoso follaje da familia dos cipreses, ao redor da zona para illala da estrada e evitar riscos de accidentes dos nenos. Ademais, recuperarán o mobiliario dun antigo merendero en desuso, colocarán bancos de pedra e plantarán seis carballos.

Unha vez completadas as tarefas, o espazo quedará habilitado para uso e goce dos veciños desta parroquia de Xove. Tanto Fundación Alcoa como os voluntarios de Alcoa veñen colaborando en distintas actividades coa Granda, como a limpeza do río Regueira ou a restauración da Fonte do Rei en Lago, achegando tanto o seu traballo e habilidades como axudas económicas da fundación que ascenden a 9.000 dólares.

A Asociación de Festexos A Granda conta cuns 250 socios, veciños da parroquia de Lago, onde organiza as festas patronais e eventos como a gran sardiñada, ademais doutras actividades en beneficio da comunidade. A Granda desempeña na actualidade un labor esencial na cohesión social da parroquia de Lago.

Con esta actividade, os voluntarios da fábrica de Alcoa en San Ciprián continúan o programa de actividades do Mes do Voluntariado que a compañía celebra en todo o mundo no mes de outubro e no que se intensifican as actividades solidarias dos traballadores. O programa dos voluntarios de San Ciprián inclúe o axardinamento dos arredores da sede social da Asociación de Vecinos de Lieiro, o acondicionamento das instalacións do taller de carpintería da Asociación de Axuda Enfermo Mental de Burela, e unha campaña de doazón de sangue, ademais da creación desta zona de recreo na parroquia de Lago.

Fundación Alcoa susténtase dos seus propios activos financeiros e non dos beneficios de Alcoa. O seu principal obxectivo é mellorar a calidade de vida nas comunidades nas que a compañía está presente. Alcoa promove e apoia o voluntariado solidario e a acción social na comunidade dos seus empregados, para o que conta con programas específicos, os plans Acción e Bravo.

Exit mobile version